Inspección acredita que Urbaser desprazou traballadores doutros centros para substituír folguistas

Celebrouse unha nova concentración diante do concello, tras dunha asemblea na que se analizou como segue a situación
A Inspección de Traballo de Lugo entregou esta mañá a acta emitida tras da denuncia presentada polas traballadoras e traballadores de Urbaser. Na mesma acredítase, por unha banda, que se detectou a presenza de traballadores do centro de traballo de Lugo, o que demostra que si saían os traballadores/as de Urbaser Lugo a recoller os puntos de emerxencia sanitaria. Pola outra, constata a presenza de traballadores doutros centros para substituír os folguistas e levanta acta de infracción contra a empresa por non o considerar xustificado durante a situación de folga legal dos traballadores do centro de traballo de Lugo.
08/7/14.

As organizacións sindicais CIG, UGT e USO xa anunciaron que os seus servizos xurídicos van estudar a viabilidade de emprender accións legais pola vía penal contra os responsábeis de Urbaser por estas medidas que entenden que atentan claramente contra o dereito á folga. O comité de folga anuncia ademais que de volverse repetir a situación, presentará denuncia no Xulgado de Garda, instando a “paralizar os traballos feitos con esquirois”.

Denuncian ademais que a empresa, esta noite, intentou novamente desestabilizar e dividir ao cadro de persoal e andou pegando polos camións unha nota coa proposta de convenio que levou á mesa de negociación a semana pasada. “Evidentemente, fracasou no intento pois o persoal xa coñecía e valorara esa proposta en asemblea”, indican.

A isto engaden que o alcalde de Lugo continúa na súa campaña de instar ás partes a que se miren ao espello de Santiago. Mais, tal e como explica a representante da CIG-Servizos, Carme Antas, a situación non é comparábel xa que no caso de Lugo lóitase pola consolidación, nas táboas salariais, da paga de 600€ que cobraron no 2012 e 2013. Algo ao que se nega a empresa e que implicaría, xa que logo, que calquera incremento sería sobre as táboas do 2011.

De se facer así, e aínda aplicando o 0,45% de suba, o persoal de Urbaser de Lugo vería rebaixado o seu salario en arredor dun 2%. Alén diso, en Compostela a empresa accedeu a converter aos 15 traballadores eventuais en indefinidos, mentres que no caso de Lugo continúa a negarse a garantir a cobertura das futuras prazas que haxa co persoal de fin de semana -e hai algún traballador que leva 15 anos nesta situación- así como a modificar a xornada de luns a domingo a de luns a sábado.

Todos estes asuntos foron tratados nunha asemblea que se celebrou este mesmo martes ás 12:30h. na casa sindical tras da que os traballadores/as se desprazaron até as portas do Concello para celebrar unha nova concentración de protesta.