Urbaser impide o acordo e o remate da folga de recollida de lixo en Lugo

Persoal e secretarios comarcais da CIG, UGT e USO acompañaron ao comité de folga para manifestar a súa unidade
Tras máis de seis horas de negociación e malia as e os traballadores aceptar, no groso, a proposta presentada polo mediador, non foi posíbel chegar a un acordo. Urbaser negouse a aceptar dúas cuestións fundamentais: a readmisión do persoal despedido e a retirada das sancións, que intentou separar do resto do conflito. Unha negativa que provocou a ruptura das negociacións e que a folga de recollida de lixo en Lugo continúe. Así o explicaron, na rolda de prensa convocada para as dez e media da noite deste xoves, as/os representantes do comité de folga, que compareceron acompañados polos secretarios comarcais da CIG, UGT e USO e o cadro de persoal en pleno.
11/7/14.

Coa avaliación positiva do persoal de Urbaser da proposta presentada o mércores polo mediador, ás 13:00 horas de onte –xoves- reuníase novamente a mesa de negociación. Agardábase o pronunciamento da empresa, que condicionara o seu posicionamento á valoración da súa asesoría xurídica.

A proposta contemplaba un convenio a catro anos (2014, 2015, 2016 e 2017) e suporía a consolidación dos 600 € para 2017, cunha suba anual do IPC e o convenio blindado con ultractividade. Xunto a isto, incluíase a cobertura de novas prazas co persoal de fin de semana e que o persoal con xornada de luns a domingo pasara a xornada de luns a sábado. Este cambio de xornada tiña que ser sen custo para a empresa e para esta xuntanza quedaba pendente que as partes –a instancias do mediador- presentaran propostas neste sentido.

O Comité tiña preparada a súa proposta sobre este asunto e agás algunha corrección e a concreción de aspectos menores, aceptaba os termos do mediador. Así, co ánimo de chegar a un acordo definitivo que puxera fin a máis de un mes de folga presentouse á hora prevista na mesa de negociación. Porén, seis horas máis tarde as partes levantábase sen acordo, convocábase para as 21:30 horas unha asemblea de traballadores/as e para unha hora máis tarde, ás 22:30 horas, unha rolda de prensa.

Todos e todas: comité de folga, secretarios comarcais da CIG, USO e UGT e o cadro de persoal en pleno comparecían para explicar as razóns da ruptura das negociacións e manifestar a súa perplexidade, indignación e decepción pola posición da empresa, que en todo momento intentou separar os despedimentos e as sancións impostas durante o período de folga do resto do conflito.

Ao seu entender, isto constata novamente o pouco interese de Urbaser por resolver o conflito pola vía da Negociación, como xa demostrara con anterioridade ao plantar por dúas veces á mesa negociadora.

Segundo explica Lois Neto, membro da Executiva comarcal da CIG de Lugo, a resposta do cadro de persoal a esta actitude “é de absoluta unión como se evidenciou na asemblea na que se ratificou a convición do persoal de continuar en folga e manter a súa loita o tempo que sexa necesario”.

Os traballadores/as tamén amosaron a súa absoluta disposición a debater e expor publicamente a súa opinión, respondendo así  á proposta da Asociación Lugo Monumental de celebrar un debate con participación da empresa, concello e cadro de persoal.

Na rolda de prensa tamén demandaron do concello que actúe ante esta actitude de rebeldía da empresa, que consideran que “atende exclusivamente aos seus intereses” e lembraron que agora mesmo nin sequera pon a disposición do persoal todos os medios que teñen para a recollida do lixo nos puntos de risco sanitario. De feito, indica Neto “os camións de carga lateral foron trasladados mesmo fóra da provincia”.

A conclusión que tiran os traballadores e traballadoras de Urbaser é que a empresa está interesada en que continúe o conflito, xa que diante dunha proposta de mediación, o cadro de persoal foi quen de aceptala e a empresa, porén, rexeitouna.

Igualmente, diante do interese da empresa por transmitir unha imaxe de división no comité de Folga e no cadro de persoal, esta pasada noite todos os traballadores e traballadoras, xunto co comité de folga e os representantes sindicais de CIG, UGT e USO amosaron publicamente a súa total unión.

 

Video da intervención de Antonio Niño (CIG)

Vídeo intervención presidente do comite, Julio Palacios