CIG-Servizos de Ferrol denuncia diante do Montón as condicións laborais que padece o persoal do catering

Sofren atrasos no cobro dos salarios e constantes presións e ameazas de despedimento
Meses acumulando atrasos no cobro dos salarios, presións e constantes ameazas de despedimento son o día a día do persoal do servizo de restauración do Montón –o clube de oficiais e suboficiais de Ferrol- concesionado á empresa Catering Caranza. Para denunciar esta situación, reclamar o pagamento das débedas e que remate o acoso sindical, a CIG-Servizos de Ferrol convocou esta mañá unha concentración e rolda de prensa diante mesmo da entrada do Clube.
18/7/14.

Rocío Doce, secretaria de Organización da CIG-Servizos, explica que o persoal acumula atrasos desde hai meses e que vai cobrando unicamente pequenas cantidades do seu salario. Tal é así que a estas alturas calculan que, en total, xa se lles adebedan catro meses de salario completo. “Isto está a provocar situacións desesperadas entre as traballadoras e traballadores, que teñen crianzas e que vén como dependenden das axudas familiares para poder comer ou pagar as facturas”.

Doce engade a isto as presións ás que se ven sometidos/as no desenvolvemento do traballo, porque son obrigados/as a facer máis horas e porque teñen que sofrer constantes ameazas de despedimento se non se someten aos designios do empresario.  Tal é así que a secretaria de Organización denuncia que “xa se deron numersos casos de despedimentos, porque se vas á CIG, es despedido/a; se reclamas os teus dereitos, es depedido/a e mesmo se colles unha baixa, es depedido/a”.

O empresario alega que non ten cartos para pagar os salarios completos. Porén a CIG-Servizos de Ferrol asegura que o problema é que cobra moitos dos eventos que alí se celebran en negro e que eses cartos nunca chegan a entrar en caixa. Denuncia ademais que o empresario está montando negocios a nome da súa filla, que vive en Italia, de forma que pode eludir así as súas responsabilidades co persoal.

Tras da concentración no Montón, representantes da CIG e traballadores/as trasladáronse ao lugar onde están as oficinas da empresa, en Caranza. Rocío Doce explica que casualmente, a carón da empresa hai un pequeno negocio que é dun/ha familiar do empresario que saíu a increpar ás persoas concentradas o que derivou nunha situación de certa tensión que provocou que unha traballadora sufrira un ataque de ansiedade e tivera que ser trasladada ao servizo de Urxencias do ambulatorio de Caranza. “As traballadoras e traballadores sofren un desgaste psicolóxico e físico brutal”, denuncia Rocío Doce.

A secretaria de Organización da CIG-Servizos considera que non se pode consentir esta situación que, ademais, non ten visos de resolverse a curto prazo. Lembra que houbo demandas por despedimentos que obrigaron ao empresario á readmisión e que no caso dunha traballadora tardou aínda moito tempo en darlle a alta na Seguridade Social.

Rocío Doce indica que Defensa é coñecedora da situación que padece o persoal do cátering do clube do Montón, pero que non quere saber nada do tema, asegurando que son traballadores/as dunha subcontrata e que nada teñen que ver con ela.

Esta concentración insírese ademais na campaña que a CIG-servizos puxo en marcha na comarca para denunciar ás “empresas piratas do sector” e anuncia que haberá máis concentracións como medida de protesta contra os seus abusos laborais. “Non imos consentir este comportamento por parte destas empresas e, desde logo, non imos deixar ningunha agresión aos dereitos dos noso compañeiros e compañeiras sen resposta”, advirten.