CIG-Servizos de Pontevedra reclama o rescate da concesión da piscina municipal de Cambados

O persoal vai facer tres meses sen cobrar e o concello querer escindir o actual contrato e sacar a instalación de novo a concurs
No mes de agosto o persoal da piscina municipal de Cambados fará tres meses sen cobrar sen que a empresa dera, durante todo este tempo, explicación algunha. Ante esta situación o concello quere rescindir o contrato e sacar de novo a concurso a concesión. Porén desde a CIG-Servizos de Pontevedra reclámase o rescate do servizo para que os beneficios que se levaría a empresa que asuma a xestión da piscina pasen ás arcas municipais.
18/7/14.

Marcos Cadórniga, representante da CIG-Servizos de Pontevedra explica que solicitaron en reiteradas ocasións unha reunión coa empresa a través do director da instalación, sen que ninguén se puxera en contacto coas traballadoras e traballadores.  

Explica que o persoal xa viña acumulando meses de atrasos, aínda que polo menos cobraba e que a través da delegada da CIG se convocaron varias asembleas para abordar entre todo o persoal a situación. Polo momento, presentaron xa unha denuncia perante a Inspección de Traballo e mantiveron unha xuntanza co alcalde de Cambados, propietario da instalación.

Rescate da instalación

Nesa reunión, na que participou a CIG xunto coa delegada, solicitouse o rescate da concesión. Cadórniga explica que “é un servizo público no que o concello está metendo cartos nun pozo sen fondo” e que ten previsto ademais facer un importante investimento para solucionar os problemas técnicos que presenta a instalación. “O normal entón é que rescate o servizo, que se faga cargo das traballadoras e traballadores e que ingrese os cartos das usuarias e usuarios nas arcas públicas”.

A piscina ten un gasto enerxético elevadísimo, por mor das malas condicións da cúpula, onde hai un burato que obriga a incrementar o consumo para manter a media de temperaturas nos 30 graos. A actual concesionaria xa presentara a súa renuncia á concesión por mor dos gastos derivados dese exceso de consumo. Ante isto, o concello acordou asumir ese gasto enerxético para que esta empresa quedase.

Porén agora, xa que non lle paga ao persoal, o concello é quen quere rescindir o contrato e sacar a concesión de novo a concurso. Cadórniga explica que, en todo caso, as condicións non serán as mesmas que as actuais porque o concello non pode facerse cargo de tanto gasto e “temémonos que non vaia a haber ningunha empresa que se presente, cando se lle adebedan aos traballadores/as 3 meses de salario e aínda por riba as condicións serán peores que as actuais”.

Ante este panorama, lembra que “son 17 postos de traballo de xente nova da comarca e un servizo público para cerca de 400 persoas”e reitera que se é o concello quen vai sufragar os gastos dos arranxos non ten sentido que logo entregue as instalacións a unha empresa privada para que sexa esta quen saque os beneficios.

Para o vindeiro luns teñen previsto presentar no rexistro do concello as sinaturas de apoio recollidas entre usuarios/as e veciños/as da comarca e non descartan convocar algunha mobilización dando clases ao aire libre diante do concello, ou algunha outra acción semellante.