Persoal de Urbaser de Lugo rexeita por unanimidade a proposta que mantén sancións ao comité de folga

Presenta unha alternativa que contempla ademais a cobertura do 100% das vacantes co persoal en precario de fin de semana
O persoal de Urbaser acordou en asemblea, por unanimidade, rexeitar a proposta presentada polo mediador, o presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández, ao se manteren as sancións para o comité de folga. A proposta tampouco contempla a cobertura do 100% das vacantes co persoal en precario, que traballa tan só 13 horas á semana, en sábados, domingos e festivos, nin modificacións na xornada do persoal que traballa de luns a domingo, cando o resto ten xornadas de luns a sábado.
21/7/14.

Así o anunciou en rolda de prensa na tarde-noite deste domingo Carme Antas, representante da CIG-Servizos, quen asegurou que “non imos permitir que a dirección de Urbaser, por moi poderosa que sexa a nivel económico, lle poña o pé no pescozo a ningún traballador ou traballadora”. Unha afirmación que provocou que todo o cadro de persoal, presente na rolda de prensa, rompera en aplausos, a berros de “Todos somos un”, demostrando así a súa absoluta unanimidade.

A rolda de prensa celebrábase pasadas as sete da tarde, tras finalizar a asemblea na que o persoal avaliou a proposta presentada polo mediador contra as 7 da mañá dese mesmo día, tras dunha longa xuntanza que comezara o sábado ás dez e media da noite. Unha proposta que considerou que “non vale nin para asinar o convenio, nin para desbloquear o conflito”, sinalou Antas.

A representante da CIG explicou que contempla un convenio cunha vixencia de tres anos: 2014, 2015 e 2016, cun incremento salarial para cada un dos anos do 60% do IPC real do ano anterior. O persoal percibiría o primeiro ano 100€ lineais; o segundo 150€ e o terceiro 200€ sen consolidar, en ningún dos casos, en táboas salariais. Ao remate da vixencia do convenio, en 2017 consolidaríanse en táboas salariais 450€, a contía percibida nestes tres anos anteriores e que non foron consolidados durante a vixencia do convenio.

Subliñou que, porén, a proposta recolle que só se poderían cubrir o 50% de vacantes co persoal con contratos en precario, de tan só 13 horas á semana e que traballa en sábados, domingos e festivos, aínda que si se inclúe por vez primeira o criterio proposto polo persoal segundo o que esa cobertura de prazas tería que se facer atendendo á orde de antigüidade estrita.

A proposta tampouco contempla nada en relación á modificación de xornada para o persoal que traballa de luns a domingo, cando o resto de persoal ten xornada de luns a sábado. “O único que contén é que a empresa se compromete a estudar a posibilidade, polo tanto iso é nada de nada”, afirmou Antas.

Sancións

O que é máis grave para o persoal é que nesa proposta se manteñen as sancións de 40 días ao comité de folga por faltas moi graves, aínda que si se retiran as sancións aos 78 traballadores/as do cadro de persoal. “O comité de folga non ía permitir que nin un só traballador/as de Urbaser tivera unha sanción motivada por esta folga”, matizou a representante da CIG-Servizos.

Carme Antas salientou ademais que esta proposta foi rexeitada por unanimidade, non só do comité de folga senón tamén do persoal. Unha cuestión que considerou especialmente importante do momento no que a empresa “leva 40 días contaminando con informacións falsas á cidadanía de Lugo, primeiro intentando romper a unidade do comité de folga e, segundo, facendo manifestacións de que o comité dá bandazos e que non hai unanimidade”.

Proposta alternativa

Unha vez adoptada esta decisión, o comité de folga acordou buscar unha alternativa e fixo unha proposta intermedia, que será trasladada ao Consello Galego de Relacións Laborais, e que combina a parte social da proposta feita por Benigno Sánchez cando actuou de mediador modificando, en parte, a parte económica da proposta presentada por Demetrio Fernández.

En resumo, nesta proposta contemplaríase unha vixencia do convenio de tres anos, cun incremento do IPC real para cada ano aceptando as contías de 100, 150 e 200 €, consolidábeis, os 450 € a 1 de xaneiro de 2017 e a cobertura do 100% das vacantes co persoal de fin de semana.

Antas considerou inexplicábel que se siga “torpedeando” ese mecanismo de cobertura de vacantes cando se trata dun persoal que, dixo, “leva moitos anos acreditando as súas funcións e o seu bo traballo”. Por iso afirmou que para o conxunto do persoal é un obxectivo “irrenunciábel” e denunciou que se non se quere aceptar o 100% é porque se pretende que siga sendo “porta de entrada aos enchufes a nivel político”.

Sinalou ademais que para o persoal tamén é “irrenunciábel” que non se recolla nin unha soa sanción ao comité de folga.

Para o comité de folga e para o conxunto do persoal, con esta proposta constátase a súa intención de darlle unha saída negociada a este conflito fronte a “outros que, cando sentan é para manter posicións de máximos, non retirando as sanción e o que é peor, intentando valerse dun recoñecemento de faltas moi graves por parte do comité para que teñan a posibilidade de defenderse a nivel xudicial e a nivel administrativo”, afirmou Antas.

A representante da CIG-Servizos salientou ante isto que “o maior valor desta loita son todos os homes e mulleres que desde o día 9 de xuño están defendendo a dignidade deste cadro de persoal e os seu dereitos, absolutamente lexítimos”.

Imaxes

Video