Orozco avala a vulneración do dereito de folga decretando 100% de servizos mínimos con persoal contratado por Urbaser

Deu orde de desaloxar aos traballadores e traballadoras do Salón de Actos do concello de Lugo, mesmo co uso da forza
O persoal de Urbaser, en folga indefinida desde hai xa 44 días, irrompeu esta mañá na casa do concello de Lugo coincindo coa celebración dunha rolda de prensa do alcalde e do concelleiro de Medio Ambiente da cidade. No decurso da mesma, Orozco anunciou a promulgación dun novo de decreto no que se recollen uns servizos mínimos do 100%, co que se avala a conculcación do dereito fundamental á folga dos traballadores/as. Ao seu remate o propio alcalde deu orde de desaloxar ao persoal de Urbaser do concello mesmo recorrendo á forza se fose preciso.
22/7/14.

Urbaser anunciara este luns a inminente adopción de medidas contundentes, logo de non se chegar a un acordo este domingo. Porén, foi o alcalde da cidade de Lugo, Xosé López Orozco quen as adoptou ao decretar uns servizos mínimos do 100% a partir de mañá mércores, a cubrir con persoal traído por Urbaser.

Ante esta noticia o secretario comarcal da CIG de Lugo, Antonio Niño, denuncia que “a empresa anuncia e o alcalde executa”. Engade que Orozco non se limitou unicamente a informar deste decreto co que o concello avala a vulneración do dereito fundamental á folga, senón que ademais dixo que o faría cumprir “polo civil ou polo penal”.

Xunto a isto Niño asegura que o alcalde defendeu tamén a proposta do mediador e denuncia que deste xeito Orozco opta así por “tomar parte no conflito como se fora accionista de Urbaser”.

Desaloxo do concello

Ao remate da rolda de prensa as e os folguistas, que ocupaban o salón de actos do concello, foron identificados e desaloxados sen incidentes, aínda que segundo Niño, o propio xefe de policía explicou que tiñan orde do alcalde de utilizar medidas de forza.

Así as cousas a folga continúa sen avances e ningunha xuntanza prevista. O persoal de Urbaser segue instando a novas negociacións e o secretario comarcal da CIG de Lugo insiste en que “o conflito ten que rematar nunha negociación e sen deixar o tema das demandas, como pretende a empresa. Non nos parece que se poida seguir mantendo un conflito despois durante meses”.

Antonio Niño salienta ademais o exemplo de dignidade destes traballadores e traballadoras que están loitando polos seus dereitos laborais e sociais fronte á demagoxia duns medios de comunicación e dun alcalde que se posicionan do lado da empresa e defendendo os seus intereses.

O persoal de Urbaser de Lugo rexeita por unanimidade a proposta do mediador que mantén as sancións ao comité de folga