Concentración frente a casa do dono de Catering Caranza en demanda dos salarios adebedados

Ten a concesión do servizo de restauración do Montón, o clube de oficiais e á CIG cónstalle que cobra eventos en negro
A CIG-Servizos de Ferrol protagonizou este martes unha concentración diante do edificio no que vive o propietario da empresa Catering Caranza para exixirlle o pagamento das catro nóminas atrasadas que adebeda ao persoal e denunciar as constantes presións que padecen as traballadoras e traballadores.
23/7/14.

Rocío Doce, secretaria de Organización da CIG-Servizos de Ferrol, subliña que con este “escrache” queríase tamén informar aos veciños e veciñas do barrio da clase de persoa que vive ao seu carón” e “facerlle sentir a mesma angustia que senten os compañeiros e compañeiras cando teñen que facer fronte ás facturas e non teñen como pagalas e non saben cando lles aparecerán pola casa para intentar cobrarllas”.

Doce asegura que son moitos os traballadores e traballadoras do Catering que están sobrevivindo grazas ao esforzo das súas familias, que “teñen que darlles de comer e mesmo adiantar cartos para pagar a gasolina para poder ir traballar”.

Fronte a isto, denuncia que o empresario, Emilio Rodríguez, “cobra os eventos dos clubes do Montón sen marcalos na caixa e mantén o seu alto nivel de vida”, ademais de montar locais “a nome da súa filla que, casualmente, reside en Italia”.

A este respecto, a secretaria de Organización sinala que a CIG-Servizos ten constancia de que houbo unha denuncia anónima pola que se lle fixeron chegar a Facenda pedidos de menús, xunto ao seu custo, data, número de comensais e demais, para eventos celebrados nestes clubes que foron cobrados pero que nunca chegaron a ingresarse en caixa. “Eses pedidos foron rescatados da papeleira e entregados a Facenda xunto coa denuncia para que se comprobe como efectivamente non hai constancia de que foron cobrados. Temos o número de referencia desa denuncia e queremos saber que vai facer Facenda con iso”.

Malia a grave situación na que se atopa o persoal, no decurso da concentración aínda tiveron o humor suficiente como para adicarlle ao empresario unhas pezas. Desde unha nana na que lle pedían “Págame Emilio, págame xa, levas catro meses sen pagar. Págame Emilio, págame xa, se non me pagas, voume enfadar” até outras con ritmos máis arriscados nas que advertían que “se este mes continúas sen pagar, de nós vaste acordar. Se non temos pra bistecs a túa casa imos comer”.

A CIG-Servizos anuncia que pedirá tamén unha reunión con Defensa para falar coa nova dirección do Montón, o nome co que se coñece o Clube de Oficiais e Suboficiais de Ferrol, e darlle a oportunidade de que adopte algunha medida para que o empresario regularice a situación das súas traballadoras e traballadores.

A federación continuará con este tipo de concentracións que se insiren na campaña posta en marcha na comarca para denunciar ás “empresas piratas do sector” e a súa política laboral. “Queremos advertir tamén  aos traballadores e traballadoras que buscan traballo da situación que se vive nelas, porque temos casos de persoal que comeza con toda a ilusión sen saber que os compañeiros e compañeiras de traballo que xa estaban na empresa levan tempo sen cobrar”.

CIG-Servizos de Ferrol concéntrase diante do Montón para denunciar as condicións laborais que padece o persoal do catering