Persoal de Urbaser acorda cumprir os servizos mínimos malia consideralos ilegais

Este xoves, ás 11:00 horas, reunirase novamente a mesa de negociación convocada polo Consello Galego de Relacións Laborais
Os traballadores e traballadoras de Urbaser acordaron este mércores en asemblea, por unanimidade, cumprir os servizos mínimos determinados polo Goberno Municipal de Orozco. A súa decisión vén motivada pola excepcionalidade do decreto, que vencella directamente os mesmos a cuestións de risco sanitario. Malia isto consideran que se trata dun decreto absolutamente abusivo e ilegal e os servizos xurídicos xa traballan no recurso contencioso-administivo que presentarán no xulgado.
23/7/14.

A CIG de Lugo salienta que esta decisión adoptada polos traballadores e traballadoras é como as tomadas desde o inicio da Folga e como ocorreu o día 13 de xuño, cando apareceron decretados por sanidade os tres primeiros puntos de risco sanitario na cidade e o cadro de persoal se ofreceu, coma sempre, a cubrir eses servizos. “Aquel día así o fixeron mediante comunicación por escrito ao concello, á empresa, a sanidade e á Subdelegación do Goberno. Asemade que os servizos sexan do 100% tamén implica que o cadro de é coñecedora dos seus turnos e, polo tanto, organizativamente pode cubrir os servizos mínimos, non como até o de agora que a empresa non detallaba que servizos concretos debían realizar”, explica Lois Neto.

Desde o comité de folga exixirán ao concello de Lugo que tramite diariamente os informes da consellaría de Sanidade para coñecer a evolución dos riscos sanitarios existentes xa que, supostamente, este decreto é de caracter temporal mentres os riscos existan. Por iso, o cadro de persoal entende que é preciso coñecer cal é situación da cidade nese aspecto.

Con todo, o persoal considera os mínimos decretados polo concello de Lugo son abusivos e ilegais e o comité de folga denuncia novamente a “absoluta connivencia de Orozco coa empresa, tal e como foi desde o primeiro día, mais agora xa actuando máis preocupado como parte no conflicto que de mediar para a súa resolución”.

Nova xuntanza

Este mediodia chegou convocatoria do Consello Galego de Relacións Laborais para unha mesa de negociación para este xoves ás 11:00h. Convocatoria á que o comité de folga asistirá, tal e como leva facendo tamén desde o inicio do conflicto.

Orozco avala a vulneración do dereito de folga decretando un 100% de servizos mínimos con persoal contratado por Urbaser