A CIG presidirá todos os comités de SEAGA despois da vitoria en Pontevedra

As votacións tiveron lugar en plena campaña de incendios por mor das demoras causadas por recursos de CCOO e UGT
O persoal de SEAGA na provincia de Pontevedra outorgou a maioría absoluta á CIG nas eleccións sindicais que tiveron lugar este 29 de xullo, logrando 5 delegados dun comité de 9. A central nacionalista dirixirá, deste xeito, os catro comités da empresa pública de loita contra os lumes forestais, centrando os seus esforzos en lograr un convenio colectivo e en aumentar o período laboral, hoxe de tan só 3 meses ao ano.
30/7/14.

O modelo sindical combativo e participativo da CIG vén de ser novamente recoñecido pola clase traballadora galega, logrando unha nova victoria que fará avanzar as demandas do persoal de SEAGA. Así, e despois dun proceso demorado desde febreiro por UGT e CCOO mediante sucesivos recursos, a central conquire cinco dos nove representantes eleitos no comité da provincia de Pontevedra, aumentando en catro a respeito das anteriores eleccións sindicais. Comisións e UGT fican ambas con dous delegados/as, mentres que a CUT desaparece do mapa (tiña dous).

Segundo a CIG-Servizos, as trabas dos sindicatos estatais supuxeron que as eleccións teñan lugar en plena campaña contra os lumes, dificultando a asistencia do persoas ás urnas. De feito, un laudo emitido cinco días antes posibilitou as eleccións, baixo ameaza de demorarse de novo tras tres meses de retraso. Alén disto, tampouco foi posíbel conformar unha “urna itinerante” que facilitase o sufraxio dun persoal “disgregado por toda a provincia”, tal e como propuña a central nacionalista.

Loita constante contra a precariedade

Para a Federación de Servizos, a CIG “foi a única central que se mobilizou nos últimos sete anos”, dando lugar -a pesar das trabas do goberno galego- a unha importante loita en prol da profesionalización en SEAGA, reivindicando un convenio colectivo do que carecen e un maior periodo laborábel anual.

De feito, tal e como indican, “só se traballa 3 meses a ano”, impondo a Xunta desbroces e tarefas de prevención en plena campaña contra os lumes “cando isto se debería facer durante o resto do ano, prolongado o período laboral”. Despois de lograr a consideración de fixos-discontinuos/as de boa parte do cadro, a loita por un convenio que protexa as excedencias e poña fin á precariedade convértese nun obxectivo máis cercano para os traballadores/as, se cabe, unha vez que constitúan o comité intercentros que dirixirá a CIG.