A falta de persoal de limpeza ameaza a hixiene do Hospital Xeral de Vigo

A empresa concesionaria Clece non está a substituír os servizos, provocando a saturación dos traballadores da limpeza
Desde a CIG-Servizos de Vigo denuncian que a falta de persoal de limpeza do Hospital Xeral está a afectar á prestación do servizo e á salubridade no centro, nunha situación provocada pola concesionaria Clece ao non efectuar substitucións por vacacións, baixas e días de descanso. Responsabilizan da situación á propia Xunta, que coa política de recortes está a contribuir á degradación deste servizo esencial.
01/8/14.

A Federación de Servizos da CIG indica que neste inicio de agosto hai unicamente 25 limpadoras/as en exercicio das súas funcións fronte aos 35 dos servizos mínimos impostos na anterior folga, dando idea da saturación á que se ve abocado o persoal. Deste xeito, e dado que Clece non está a substituír vacacións, baixas e días de descanso, “non se pode recoller a roupa e o lixo das plantas e non se efectúan as limpezas necesarias nas habitacións” perante a falta de persoal.

A Xerencia do Hospital, aínda que coñece o caso “fai caso omiso á alerta do persoal”, respostando que está previsto que a concesión saia a concurso nas próximas semanas. A CIG-Servizos, aínda que é coñecedora dos planos do SERGAS, alerta de que as empresas que se presenten ao mesmo “voltarán facelo por menos cartos que o prezo de saída”, afondando na redución do servizo de limpeza. Argumentan a sospeita en que a Consellaría “aumentou moi pouco o prezo -20 mil euros máis que o ano pasado-” e que desta volta a oferta económica será valorada con 75 puntos e a técnica con 25 fronte a equiparación do anterior proceso.

Alén de denunciar que esta situación “está ser moi prexudicial para os usuarios do Hospital Xeral”, responsabilizando á Xunta polos recortes económicos que motivan a degradación da sanidade pública, indican que iniciarán mobilizacións “se nestes días non se soluciona a falla de persoal de limpeza”. Apontan como posibilidade o realizaren concentracións nas horas de descanso como primeira medida de protesta.