Urbaser boicotea a saída ao conflito na propia mesa de negociación

A xuntanza mantida o martes rematou sen acordo, mais ambas partes están citadas novamente para a tarde deste mércores
Na tarde do martes tiña lugar unha nova xuntanza da mesa de negociación entre Urbaser e Comité que rematou sen acordo. Durante a negociación, a empresa amosou unha posición de máximos, coa clara intencionalidade “unha vez máis de boicotear a saída ao conflito na propia mesa”. Ambas partes quedaron novamente citadas para a tarde deste mércores, xornada na que tamén estaba previsto que se celebrase o xuízo pola demanda presentada polo Comité de Folga contra a empresa por vulneración do dereito de folga, que finalmente quedou adiado ao solicitarse a ampliación da demanda.
06/8/14.

Sobre a reunión de onte, explica o Secretario de Organización da CIG Lugo-A Mariña, Lois Neto, na súa proposta Urbaser negábase a tratar ningún tema relacionado coas sancións e despedimentos, e igualmente mantiña unha rotunda negativa a retirar as demandas producidas froito do conflito.

Nesa tesitura a representación das/os traballadoras/es -que xa tiña anunciado previamente que acudía a esta xuntanza coa vontade de dar unha solución que pechara o conflito- fixo unha proposta de resolución para trasladar á empresa, semellante á que no seu día formulara ás partes o presidente do CGRL, Demetrio Fernández.

Esta proposta contempla un convenio a tres anos con ultractividade; no aspecto económico aceptaría a mesma: 0,6% do IPC cada ano, unha paga de 100€ o primeiro ano, unha de 150€ o segundo ano e unha de 200€ o terceiro ano consolidando en táboa o conxunto dos 450€. Respecto das vacantes a cubrir proponse o 100% co persoal de fin de semana; e sobre as xornadas de luns a domingo que pasaran a ser de luns a sábado (mais sempre e cando legalmente sexa posíbel polo contrato co Concello).

Por último, no referido ás sancións ao persoal, o Comité de Folga propón a retirada de todas as suspensións de emprego e soldo (hai un total de 88 traballadores/as afectados/as), xunto coa suspensión dos despedimentos do Comité de Folga, que si  aceptarían unha sanción disciplinaria. Todo isto condicionado á retirada dos xulgados de todas as demandas presentadas por ambas partes durante o conflito.

A reacción da empresa a esta proposta foi de negación nun inicio, mais despois comprometeuse a analizala. É por iso que a Mesa de negociación está convocada novamente para hoxe, mércores, ás 17:00 horas.

Adiado o xuízo por vulneración de dereitos

Así mesmo, este mércores, ás 10:30 horas, estaba previsto que comezase xuízo pola demanda presentada polo Comité de Folga contra Urbaser, Tragsa e o Concello de Lugo por vulneración do dereito de folga. Finalmente, a vista quedou aprazada sen data ao solicitarse unha ampliación da demanda tamén a outros concellos da comarca.