Persoal de Linorsa inicia mobilizacións polo atraso no pago da nómina de xullo

Traballadoras/es de limpeza do Hospital do Barbanza concentráronse para reclamar o cobro dos salarios
Traballadoras e traballadores de limpeza do Hospital do Barbanza concentráronse na mañá do martes diante do centro sanitario para reclamar a Linorsa, concesionaria do servizo, que pague de inmediato os salarios do mes de xullo. A situación de atraso, explican dende a CIG-Servizos, estase a dar de xeito xeneralizado nas múltiples contratas que ten a empresa en toda Galiza.
20/8/14.

De feito, a pasada semana o persoal dos servizos de limpeza que Linorsa ten adxudicados por distintas administracións públicas na cidade da Coruña denunciaron publicamente esta situación e mesmo se dirixiron á Delegación do Goberno, a Universidade e ao Concello pedindo a intervención destas institucións.

De igual xeito, traballadores/as de servizos de limpeza en Vigo, en Compostela e o Barbanza incidían en denunciar esta demora no pago dos salarios, que se están a converter nunha práctica habitual de Linorsa. Unha situación que xa foi denunciada diante da Inspección de Traballo, pois os atrasos repercuten directamente na capacidade dos traballadores e traballadoras de afrontar os pagos de hipotecas, alugueiros, facturas, etc.

Dende a CIG-Servizos lembras ás administracións que son as titulares das contratas e é a súa responsabilidade velar porque a empresa cumpra co prego de condicións e o convenio colectivo de aplicación, que determina que a compañía ten que abonar as nóminas dentro dos catro primeiros días de cada mes. Algo que non está producindo.

Neste senso, a CIG-Servizos sinala que, ao igual que fan outras empresas do sector, Linorsa está accedendo á concesións concursando á baixa, mais “non pode pretender compensar esta rebaixa nos prezos sobre os traballadores/as”.

Por esa razón, a Federación da CIG insta ás administracións que teñen servizos adxudicados a Linorsa, que lle esixan o pago inmediato da mensualidade de xullo a todos os traballadores e traballadoras e que reclamen á empresa que non se volvan producir máis atrasos.