Persoal do servizo de comedores de Ames reclama ao Concello a continuidade dos 100 empregos

Logo da renuncia das empresas que optaban á adxudicación do servizo
O Comité de empresa do servizo de comedores do Concello de Ames vén de manifestar a preocupación pola continuidade dos case 100 postos de traballo, logo da renuncia das empresas que optaban á adxudicación e do comunicado emitido polo Goberno local garantindo o funcionamento do servizo para o curso que comeza o próximo 10 de setembro, mais sen saber explicar quen prestará o servizo.
02/9/14.

O Concello, explica o Comité, atribúe a renuncia das empresas á suba salarial que está pendente de aplicar para os traballadores e traballadoras e que non figuraba nos pregos de licitación. A este respecto, aclaran que a suba non supón, “nin moito menos, un incremento de 100 euros mensuais”.  De feito, a maior parte do persoal ten unha xornada parcial de 12,5 horas semanais “polo que os seus salarios de por si xa son moi baixos”.

En todo caso, matiza a Presidenta do Comité, Vanesa Otero, o incremento non deriva dunha exixencia arbitraria de suba, senón que o fai debido ao incremento recollido no convenio colectivo de hostalería da provincia da Coruña e que se viña reclamando que se aplicase dende 2011. “Cómpre destacar que foi necesario acudir á vía xudicial para a súa aplicación e, ademais, renunciando o persoal a parte do incremento que lle correspondería pola aplicación estrita do establecido no citado convenio”, explica.

O asunto resolveuse finalmente por acordo entre as partes en sede xudicial o 28 de maio de 2014, aínda non rematado o curso anterior e bastante antes da publicación dos pregos do concurso. “Polo que o Concello debía coñecer os termos do acordo e ter contemplado o incremento salarial para a licitación. E deberían coñecelo tamén as empresas que optaron o concurso”, afirman.

As traballadoras e traballadores comparten coas nais e pais a preocupación pola incerteza da continuidade do servizo, á que engaden a incerteza polos postos de traballo.  “Por iso, instamos ao Concello á busca da solución inmediata para este problema e lembrámoslle que esta solución pasaría tamén polo rescate da concesión e a prestación do servizo directamente polo Concello, respectando, por suposto, os postos de traballo existentes”.

De non darse unha solución pronta, o Comité decidirá, xunto co cadro de persoal, as medidas de mobilización que considere necesarias para esixir a continuidade do servizo e dos postos de traballo.