Comezan os xuízos por despedimentos da cafetería da Estación de Autobuses de Compostela

CIG-Servizos denuncia que nin concello nin Tussa tentaron solucionar a situación e anuncia que de seguir así mobilizarase
Os días 18, 25 e 30 de setembro e o 9 de outubro terán lugar os xuízos por despedimento do persoal da Estación de Autobuses de Compostela. A CIG-Servizos denuncia que transcorridos 7 meses desde que se botou o peche definitivo do estabelecemento e malia os acordos acadados, a cafetería segue pechada e o persoal -a maioría cunha antigüidade de 30 anos- despedido, sen que Tussa e o concello fagan nada por darlle unha solución. Ante esta situación xa solicitaron formalmente unha xuntanza co novo alcalde da cidade e anuncian que, en datas próximas, de non resolverse a situación, retomarán as mobilizacións.
17/9/14.

A cafetería da Estación de Autobuses de Santiago, explotada en réxime de concesión por Santiago Dos, dependía da empresa municipal TUSSA. No novo concurso, Tussa estabelecía como requisito que a empresa que levara a concesión, por un período de 8 anos, asumira unha obra de mellora das instalacións que ascendería a 150.000 euros.

Porén, ao concurso só concorreu unha empresa, que renunciou á concesión antes de que se fixera efectiva, por mor dos elevados custos da obra e o curto período de concesión -8 anos- que podería dificultar a recuperación do investimento realizado.

Ante isto, Santiago Dos botaba o peche do estabelecemento -que levaba aberto 40 anos- ás dez da noite do martes día 11 de febreiro, e os 6 traballadores quedaban nun limbo laboral porque nin foran despedidos, nin a empresa, nin Tussa lles explicaran que pasaría cos seus postos de traballo.

Diante deste panorama os traballadores acordaban ocupar as instalacións da cafetería, xunto con representantes da CIG-Servizos, coa intención de permanecer no seu interior de forma indefinida para reclamar a inmediata convocatoria dun novo concurso; a prórroga, entre mentres, da concesión que había e que se garantiran os postos de traballo.

Desde o inicio do peche o persoal da cafetería –ademais das múltiples mobilizacións que se foron convocando- acordou continuar prestando o servizo, de forma simbólica e como medida de protesta. Para iso, unha vez rematado o leite e o café os propios traballadores fixeron un bote solidario coas aportacións da clientela que se prestou a colaborar para manifestar así o apoio á súa loita. Grazas a esas aportacións, acumularon unha cantidade suficiente no bote e cando lles anunciaron o posíbel desaloxo, o 28 de febreiro, foran os propios traballadores quen decidiran agradecer a esa mesma clientela o apoio e solidariedade amosada, cuns petiscos.

Ese mesmo día, no pleno celebrado no concello de Compostela, o Partido Popular, a instancias do BNG, informaba da súa decisión de subrogar a todo o persoal na nova concesionaria e a semana seguinte celebrábase una xuntanza na que se chegaba a un acordo que poñía fin definitivamente ao peche.

Desde aquela, e transcorridos xa 7 meses, nin houbo nova concesión, nin houbo subrogación do persoal e faltan só uns días para que comecen os xuízos por despedimento.

Para a CIG-Servizos a responsabilidade desta situación é do goberno municipal do PP pola súa incapacidade para xestionar non só en materia laboral, senón tamén en materia económica. Roberto Alonso, secretario comarcal da federación sinala que “Compostela é a capital de Galiza e punto de culminación do Camiño de Santiago. Ten unha grande dependencia económica do turismo e a Estación de Autobuses é un dos puntos de entrada e saída de visitantes e estudantes. A cafetería, se ben non é esencial para a cidade, si é fundamental para a imaxe que se dá canto a dotación de servizos para as/os turistas que entran e saen por esta porta da cidade”.