Xulgado anula a sanción grave imposta polo Casino Ferrolano Tenis Club ao delegado da CIG

A sentenza, firme, recoñece que a decisión empresarial vulnera os dereitos fundamentais do representante do persoal
O xulgado do social de Ferrol vén de condenar ao Casino Ferrolano Tenis-Club a anular a sanción grave imposta ao delegado sindical da CIG, ao entender que vulnera os seus dereitos fundamentais. Confirmando, deste xeito, as denuncias da CIG a respecto da persecución que a dirección da entidade está a practicar contra este representante dos traballadores e traballadoras.
25/9/14.

Dende a CIG-Servizos de Ferrol explican que o traballador leva exercendo o seu labor como representante do persoal do Casino dende hai 20 anos sen incidentes, pero hai cinco anos, coincidindo coa entrada do novo presidente, comezou unha persecución brutal contra o delegado da CIG e incluso contra empregados/as afiliados/as ou simpatizantes á central nacionalista, que mesmo derivou en despedimentos.

Entre as actuacións para perseguir e reprimir o labor sindical do delegado, a dirección xa tentou sancionalo en tres ocasións “utilizando falsidades”, e na última sanción que lle comunicaron (con carácter grave) no mes de marzo de 2014, a dirección do Casino “empregou a unha traballadora dunha asesoría laboral para que declarara contra o compañeiro”. “Aínda que non lle valeu de nada a empresa, xa que o Xulgado do Social, en sentenza firme anulou a sanción”.

O co-responsábel da CIG de Ferrol, Xesús López Pintos, tamén criticou a actitude da directiva, “que cos cartos dos asociados e asociadas está a proceder contra os seus empregados/as”. Por iso, advirte, “dende a CIG non permitiremos baixo ningún concepto que o noso delegado de persoal sexa inxuriado de novo polo presidente da entidade”.