Ares mobilízase en solidariedade coas cinco traballadoras/es do DIA Market despedidas/os

A multinacional non quere facerse cargo do persoal deste estabelecemento, logo de recuperar a franquicia
Centos de persoas concentráronse este xoves diante do supermercado DIA Market situado na rúa Salazón de Ares, en rexeitamento ao despedimento das cinco traballadoras e traballadoras, logo de que a multinacional DIA retomara a franquicia da tenda, mais sen querer facerse cargo deste persoal.
26/9/14.

Dende a CIG-Servizos explican que a empresa que tiña a franquicia DIA Market de Ares comunicou ás traballadoras/es que a partir do día 24 de setembro pasarían ao cadro de persoal de DIA, posto que a distribuída da alimentación acababa de recuperar o estabelecemento.

Porén, DIA quere coller a tenda sen ningún tipo de cargas e négase agora a asumir a estas traballadoras. “O problema está en que a empresa non tiña asinado ningún acordo para subrogar a este persoal, polo que DIA non ten obriga de contratalo”, explica Pablo Fragoso, da CIG-Servizos Ferrol. E de feito, semella que a compañía vai agardar até que caduque a franquicia para reabrir o estabelecemento.

Entrementres, as traballadoras están nunha situación de indefensión e incerteza absoluta, porque non foron subrogadas por DIA, mais tampouco despedidas pola empresa que tiña a franquicia; polo que, de non acadar unha solución urxente, terán que recorrer á vía xudicial.

Na protesta participou un nutrido grupo de veciños e veciñas que quixeron deste xeito trasladar a solidariedade coas traballadoras/es e sumarse a loita na defensa dos seus empregos. Así mesmo, tamén acudiu a mobilización toda a Corporación Municipal e dende a alcaldía de Ares xa mantiveron unha xuntanza coas traballadoras/os afectadas/os, ofrecéndose a intervir para acadar unha solución que permita manter os empregos.

Campaña da CIG-Servizos

Esta concentración desenvólvese dentro da campaña que a CIG-Servizos de Ferrol para denunciar publicamente a explotación laboral e o acoso sindical que sofren as traballadoras e os traballadores do sector servizos na comarca. Así mesmo, dende a Federación advertiron, unha vez máis, que non van consentir “este comportamento por parte das empresas da nosa comarca e desde logo, non imos deixar ningunha agresión aos dereitos dos nosos compañeiros e compañeiras sen resposta”.