CIG do aeroporto de Santiago denuncia a falta de persoal sanitario para posíbeis urxencias

Unha viaxeira sufriu unha indisposición e tivo que ser atendida por persoal sen coñecementos sanitarios
Ás 8:00 horas da mañá deste mércores, unha pasaxeira que se dispoñía a voar desde o aeroporto de Santiago sufriu unha indisposición que lle provocou un desmaio e vómitos na cafetería de saídas. A esa hora non había persoal sanitario algún para atendela e tivo que ser asistida por outro que se achegou de inmediato e que non contaba con coñecementos médicos. A CIG do aeroporto denuncia que esta situación se debe a que por mor dos recortes non se están a cubrir as baixas e alerta de que se en lugar dunha indisposición se tratara dun infarto as consecuencias terían sido fatais.
08/10/14.

“Hoxe podería ter pasado unha desgraza porque persoal que non temos ningún tipo de experiencia nin de formación tivémonos que facer cargo da pasaxeira”, explica Rafael Peña, da CIG do aeroporto, quen engade que “afortunadamente non pasou nada e  finalmente embarcou pero baixo a súa responsabilidade, porque non houbo quen puidera valorar se na súa situación estaba en condicións de voar ou non. Nós preguntámoslle se chamabamos a unha ambulancia ou non e ela mesma pediu que non a chamaramos porque xa se encontraba mellor, pero eu non son ninguén para decidir se pode ou non voar”.

A CIG do aeroporto sinala que a nova dirección leva semanas forzando ao persoal de Aena e de contratas a desenvolver funcións que non se corresponden cos seus labores, logo de recortar orzamentos e persoal. Aseguran ademais que hai tres sanitarios de baixa de longa duración e que as súas prazas non se cobren só por recortar gastos.

Peña explica que se ben segundo as recomendacións de IASA (International Aviation Safety Assessment) non está claro que polo número de pasaxeiros/as do aeroporto de Santiago teña que haber persoal sanitario de forma permanente, unha vez consultado este aspecto asegura que o que si ten que haber é ATSs nos momentos de maior actividade e tráfico de pasaxeiros, que coincide xusto a primeira hora da mañá, cando ocorreu este incidente. Porén, o seu horario non comezou até as 10:00 horas, con remate ás 20:00 horas.

A CIG do aeroporto subliña ademais que unha ambulancia medicalizada pode tardar entre 20 e 25 minutos en chegar a atender unha urxencia. Por iso considera que é imprescindíbel que haxa persoal sanitario para atender casos coma este ou outros que poderían ser máis graves.