A situación en Cátering Caranza segue a deteriorarse con máis de catro nóminas pendentes de cobro

A CIG-Servizos realizou unha nova protesta, nesta ocasión diante do Arsenal de Ferrol, para esixir a intervención de Defensa
Este xoves continuaron as protestas para reclamar a Cátering Caranza que pague de inmediato os salarios que adebeda ao persoal e o cese na súa política de presións ás traballadoras e traballadores. Nesta ocasión, a mobilización realizouse ás portas do Arsenal, xa que a empresa ten a concesión do servizo de restauración do Montón –o club de oficiais e suboficiais de Ferrol-.
23/10/14.

A día de hoxe, subliña Rocío Doce, Secretaria de Organización da CIG-Servizos Ferrol, a situación dos traballadores e traballadoras está chegando a un punto totalmente desesperado, xa que a empresa debe máis de catro mensualidades e o complemento de IT de máis de tres meses. Todo o persoal ten pendente de cobrar tres nóminas completas e acumulan contías variábeis de salarios anteriores, porque até o mes de maio o empresario estivo abonando unicamente pequenas cantidades das nóminas.

Á cuestión económica, engádense as presións ás que se ven sometidos/as no desenvolvemento do traballo, porque son obrigados/as a facer máis horas e porque teñen que sufrir constantes ameazas de despedimento se non se someten aos designios do empresario.

De feito, moitos/as traballadores/as están de baixa pola presión que están a sufrir e danse casos verdadeiramente dramáticos de unidades familiares que viven soamente deste salario “que non entra na casa, porque ao empresario non lle dá a gana de pagar”, denuncia Roce.

Durante a protesta informouse tamén que a empresa Cátering Caranza está denunciada ante Facenda por realizar eventos no club do Montón sen marcar os ingresos na caixa. Ademais, a CIG-Servizos reiterou que o empresario ten recorrido a diversas manobras –como a creación de sociedades a nome de familiares- para eludir así as súas responsabilidades co persoal. Tanto é así, que a Federación sabe que un colexio da cidade retirou o servizo de comida que tiña contratado con Cátering Caranza para darllo á outra sociedade do mesmo empresario.

Intervención de Defensa

Dende a CIG-Servizos de Ferrol criticaron “a complicidade” de Defensa nesta situación, “pois ten coñecemento da mesma, mais até o momento non fixo nada para arranxala”. A representación sindical xa mantivo varias reunións con responsábeis da mesa de contratación, responsábeis do club e mesmo co almirante, “e o único que conseguimos foron boas palabras pero ningún compromiso, pois o que alegan todos eles é que ostraballadores/as non son persoal de Defensa, que se  trata dunha concesión e quenon poden facer nada”.

Neste senso, Roce lembrou que Defensa é cando menos responsábel subsidiario desta situación, como titular da concesión, e que si pode intervir porque a falta de pago dos salarios e as actuais condicións laborais do persoal de Cátering Caranza no club do Montón “supoñen un incumprimento dos pregos de condicións”.