“Linorsa non paga e as administracións calan”

Persoal dos servizos de limpeza na Coruña mobilizouse en demanda do cobro dos seus salarios e non descarta ir á folga indefinida
Traballadoras e traballadores dos servizos de limpeza que Linorsa ten adxudicados na cidade da Coruña (Estación de Autobuses, Delegación e Subdelegación do Goberno, Universidade, Aduanas, AENA, e museos científicos municipais) mobilizáronse este martes para reclamar o cobro dos seus salarios, xa que a día de hoxe, a empresa só abonou o 25% da nómina de setembro e témese que tampouco pague a mensualidade de outubro.
28/10/14.

Os atrasos no pagamentos dos salarios téñense convertido nunha práctica habitual nesta empresa e esténdese a case todas as contratas públicas que Limpiezas del Noroeste (Linorsa) recibiu, polo que dende o verán as traballadoras e traballadores están desenvolvendo mobilizacións en distintas cidades en demanda do cobro das súas nóminas.

No caso concreto da Coruña, explicou o Secretario de Organización da CIG-Servizos, Adolfo Naya, no mes de agosto presentouse unha denuncia na Inspección de Traballo por este motivo “e aínda que foron pagando malamente, seguimos co mesmo problema”. "Esta situación provoca un grave prexuízo económico ás traballadoras e aos traballadores, pois repercute directamente na capacidade de afrontar os pagos das hipotecas, alugueiros, facturas, etc., que non entenden de demoras", alerta.

Por esta razón, coa protesta tamén se busca apelar á responsabilidade das administracións públicas, como titulares das contratas, para que obriguen á empresa a cumprir co estabelecido nos pregos de condicións, a saber, abonar as nóminas nos catro primeiros días de cada mes. “E se non, que rescindan os contratos con Linorsa para darllos a outras empresas ou ben que se fagan cargo directamente do propio servizo”, apuntou.

Convocatoria de folga

Linorsa pola súa banda alega que as institucións públicas non lle están pagando, aseveración que dende as administracións negan. Para confirmar este punto, logo de levar a súa protesta polo interior da estación de autobuses, as traballadores e os traballadores dirixíronse ás oficinas da Concellería de Mobilidade situadas no mesmo edificio, coa intención de manter unha pequena entrevista coa responsábel municipal do departamento.

Porén, a concelleira negouse a recibir unha representacións do persoal, ao igual que o Xefe da estación, quen tampouco quixo escoitar a problemática e as reivindicacións do persoal.

Neste senso, Naya advertiu que se no prazo desta semana as administracións continúan sen intervir ou explicar que medidas van adoptar, iniciaranse os trámites para a convocatoria de folga indefinida nos servizos de limpeza adxudicados á Linorsa na Coruña.