Persoal de limpeza, cociña e mantemento do Xeral exixe aclarar a súa situación no novo hospital vigués

O novo Xerente do SERGAS asegura que o de limpeza e cociña continuará nos servizos -que estarán privatizados- ou será recolocado
Traballadores e traballadoras das contratas de limpeza, cociña e mantemento do CHUVI, ocuparon este martes as dependencias da consellaría de Sanidade en demanda de que se aclare a situación laboral na que quedarán coa posta en funcionamento do novo hospital de Vigo. A ocupación transcorreu sen problemas até que sete representantes do persoal foron identificados pola policía autonómica ao se dirixiren ao despacho do xerente do SERGAS, Antonio Rodríguez, para manter unha entrevista. A secretaria comarcal de CIG-Servizos, María do Tránsito Fernández, denuncia a política de represión do Partido Popular.
29/10/14.

O persoal das contratas tiña solicitado a través de sucesivos escritos unha xuntanza coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera. Ante a falta de resposta acordaron ir directamente á consellaría para demandar explicacións.

Segundo explica María do Tránsito Fernández accederon sen problemas ás dependencias de San Lázaro e permaneceron nos pasillos arredor de 25 minutos. Nese tempo chegaron uns 15 policías autonómicos que estiveron vixiando os seus movementos e achegouse a falar con eles/as o novo xerente do SERGAS, Antonio Rodríguez, para coñecer as razóns desta ocupación. “Díxonos que descoñecía as nosas solicitudes de entrevista e comprometeuse a falar cunha representación do persoal ao remate dunha xuntanza que tiña de seguido, sempre e cando agardaramos no exterior do edificio”.

A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo explica que, polo medio, un garda de seguridade tropezou e caeu o que provocou que a policía autonómica pedira a todas as persoas presentes que “identificaran ao autor da agresión”. Fernández asegura que non houbo agresión algunha e manifesta a súa indignación porque a raíz disto, cando accederon de novo ás dependencias do SERGAS as/os 7 representantes das e dos traballadores alí concentrados, dentro do edificio os agardaban outros tantos policías autonómicos que recolleron os datos de cada un deles.

Pregúntase para que van utilizar eses datos e se isto provocará un novo proceso represivo contra eles/as, ao igual que aconteceu cos 11 traballadores/as acusados/as de danos e alteración da orde pública durante a folga do comercio téxtil na provincia de Pontevedra en 2010.

Sinala ademais que antes de comezar a xuntanza o propio Xerente do SERGAS asegurou que, de saber que se producira unha agresión non lles tería concedido a entrevista.

Malia isto, e logo de lle explicar que non houbera incidente algún, si entraron a tratar a cuestión que os trouxo a Compostela. E sobre isto, o Xerente do SERGAS explicou que as traballadoras e traballadores das contratas de Limpeza e Cociña non tería problema para continuar nos mesmos servizos no novo hospital, onde estarán privatizados, ou en ser recolocado noutros postos se non aceptan ir á contrata privada.

Porén, si quedou no aire o que ocorrerá co persoal de Mantemento (42 postos) e para aclaralo Antonio Rodríguez comprometeuse a chamar ao Xerente do Xeral para este persoal manter unha xuntanza con el en Vigo.

María do Tránsito Fernández avalía positivamente tanto os resultados da xuntanza como a actitude dialogante do novo Xerente do SERGAS. En todo caso considera que é importante que se aclare tamén que vai ocorrer co persoal propio das contratas privadas se os postos destes servizos se ocupan co persoal laboral.