Traballadoras/es de Cleanet secundan masivamente a cuarta xornada de folga polo cobro dos seus salarios

A empresa, adxudicataria dos servizos de limpeza das instalacións de Defensa, adebeda ás nóminas de setembro
As traballadoras e traballadores de Cleanet, empresa que ten a concesión dos servizos de limpeza do Arsenal de Ferrol, continuaron este xoves coa folga indefinida iniciada o pasado luns para esixir o cobro inmediato dos salarios atrasados. A día de hoxe, Cleanet ten pendente de pago as nóminas de setembro pero o persoal teme que, á vista de como está actuando, tampouco vai cobrar a mensualidade de outubro.
30/10/14.

Os problemas de atrasos, explica Pablo Fragoso, da CIG-Servizos Ferrol, comezaron pouco despois de que a empresa se fixera con parte do contrato para a limpeza das instalacións do Ministerio de Defensa –valorado en 12 millóns de euros-. “Ao principio comezaron a demorar os pagos até mediados de mes e agora xa nin pagan. Hai dúas semanas mantivemos unha reunión coa empresa e asegurou que ía pór os pagos ao día, cousa que non cumpriu”, denuncia.

As máis de 40 traballadoras de Cleanet en Ferrol están secundando a folga indefinida –que tamén está convocada nas instalacións de Defensa da Coruña - e realizando concentracións diarias, dende as 07:00 horas, nas portas do Arsenal Militar. A este respecto, dende a CIG-Servizos critican que a primeira resposta obtida por parte do almirante fora unha carta na que reprochaba á central e ás traballadoras non gardar respectuoso silencio durante o izado da bandeira, pois no acto proseguiron coas protestas e coreando consignas na defensa dos seus dereitos. Algo que parece non merecer o mesmo respecto que o izado da bandeira.

Neste senso, Fragoso tamén criticou as tentativas da policía para impedir o desenvolvemento das mobilizacións, pois esta mesma mañá catro furgóns desprazáronse até o lugar da concentración e os axentes botaron as traballadoras e as/os representantes sindicais da beirarrúa na que realizaban unha protesta, alegando que se trataba dun recinto militar.

Responsabilidade de Defensa

Dende a parte social reclámase a Defensa que interveña de inmediato –como titular da contrata- para ordenar á empresa que cumpra coas súas obrigas. De feito, onte tiveron un encontro co almirante, mais este limitouse a dicir que non pode facer nada porque o contrato depende de Madrid. O que si se apresurou a aclarar o responsábel militar é que, de seguir a folga, comezarán a limpar as instalacións cos propios membros do corpo.

CIG-Servizos rexeita esta actitude xa que suporía desvirtualizar da convocatoria de folga e unha vulneración dos dereitos das traballadoras, que se atopan en situación desesperada, pois a falta de cobro dos salarios repercute directamente na capacidade de afrontar os pagos das hipotecas, alugueiros, facturas, etc., que non entenden de demoras.

O próximo luns está convocada unha reunión entre a empresa e o ministro de Defensa para abordar a situación. Á espera do resultado do encontro, os rumores de que a administración prorrogará a adxudicación do servizo a Cleanet non auguran unha pronta resolución do conflito.