As/os traballadoras/es de Linorsa de Lugo continúan as protestas contra os atrasos no pago dos salarios

A empresa aínda abonou onte o 75% do salario de setembro que tiña pendente
O persoal de Linorsa –empresa que ten adxudicadas contratas de limpeza das distintas administracións en toda Galiza- vese obrigado a continuar coas mobilizacións ante os reiterados atrasos no cobro dos salarios. Para enfrontar esta situación, a CIG-Servizos de Lugo desenvolve ao longo desta semana protestas en varios centros da provincia.
04/11/14.

Así, este martes, baixo unha intensa choiva, as traballadoras e traballadores concentráronse diante da Residencia de Maiores das Gándaras (Lugo), o mércores trasladaranse até Sarria e o xoves concluirán as mobilizacións diante dos edificios do SERGAS en Lugo.

A situación de atraso no cobro dos salarios converteuse nunha práctica habitual na empresa, que mesmo está a facer os pagos de xeito fraccionado. De feito, explica Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo, o persoal cobrou onte o 75% da mensualidade de setembro que tiña pendente, e aínda non recibiu o salario de outubro “cando o convenio colectivo da limpeza marca que a empresa ten que pagar nos primeiros catro días de cada mes”.

Neste senso, a sindicalista denuncia o incumprimento sistemático por parte de Linorsa nas súas obrigas económicas coas traballadoras e traballadores, sen que até o momento as administracións públicas –como titulares das contratas- asuman as súas responsabilidades  e obriguen a compañía a pagar os salarios en tempo e forma. Por esta razón, unha das consignas que máis se berrou na concentración deste martes foi “Linorsa incumpre, a Xunta consiste”.

“O persoal está cobrando cun mes de atraso e de xeito fraccionado. Primeiro, a empresa empezou dividindo os pagos ao 50%, pero agora xa rebaixou a fracción ao 25% e cun mes de atraso”, apunta a representante da CIG-Servizos.

Carme Antas tamén criticou que algunha organización sindical anunciara como un logro un acordo acadado coa empresa para o pago das nóminas “que supón un claro incumprimento do convenio colectivo, xa que se acepta fraccionar o pago dos salarios o e cobralos fóra dos prazos estabelecidos”. Un acordo que, ademais, nin sequera se cumpre.

Así mesmo, Antas puxo o acento no prexuízo que supoñen estes atrasos para o colectivo de traballadoras e traballadores, pois ao non cobrar a primeiros de mes non teñen cartos para facer fronte á adquisición de alimentos, aos pagos das hipotecas, alugueiros, recibos, etc.

Finalmente, dende a CIG-Servizos subliñaron que están estudando convocar unha asemblea nacional para concretar accións comúns para o conxunto do persoal, xa que o problema dos atrasos nos pagos dos salarios é común en toda Galiza.