Satisfacción polo seguimento da folga convocada no servizo de Bos días cole, nos CEIP de Ames

CIG-Servizos denuncia que os servizos mínimos foron abusivos e que a empresa substituíu o persoal en folga por outro alleo
A CIG-Servizos vén de manifestar a súa satisfacción polo seguimento da folga convocada no servizo de ‘Bos días’ nos CEIP de Ames en demanda da readmisión da traballadora despedida pola empresa Órbita Infantil, que é a adxudicataria. Con todo, a CIG-Servizos anuncia que presentará unha denuncia pola substitución do persoal en folga por outro que non se sabe se procedía doutros servizos ou era alleo e cuestiona os servizos abusivos decretados para esta xornada.
14/11/14.

A folga foi convocada para reclamar a readmisión da traballadora despedida de forma “inxusta” e “arbitraria” por Órbita Infantil e para presionar ao concello para que asuma as súas responsabilidades nesta cuestión.

Tanto a CIG-Servizos como o persoal lembran que a propia empresa, Órbita Infantil, recoñeceu que este despedimento era improcedente e que mesmo abonou á  traballadora unha indemnización que sería suficiente para pagarlle o salario de todo o curso escolar.

Para a CIG-Servizos é “inadmisíbel” que unha empresa que percibe cartos públicos a través do Concello utilice os mesmos para despedir o persoal cando é evidente que o feito de ter menos traballadoras/es vai provocar perda calidade. Por iso responsabiliza ao concello de Ames por manter a concesión a una empresa que “non respecta os dereitos das traballadoras”

As traballadoras de “Bos días cole” levan neste servizo desde que se comezou a prestar -sete anos no caso da despedida-. Porén, a empresa Órbita Infantil leva só un ano e témense que a súa pretensión sexa “desmantelar todo o cadro de persoal que vén traballando desde o seu inicio e que coñece á perfección o seu labor o cal prexudicará tamén a calidade do mesmo”.