Presentada denuncia contra Defensa por vulneración do dereito á folga das traballadoras de Cleanet

A CIG de Ferrol denuncia que se está a suplir ás folguistas, que xa suman tres semanas de paro, con persoal militar
A CIG-Servizos de Ferrol anunciou este martes en rolda de prensa que se vén de presentar unha denuncia contra o Ministerio de Defensa por vulneración do dereito á folga das traballadoras e traballadores de Cleanet –empresa que ten adxudicados servizos de limpeza das instalacións militares en todo o estado-, xa que o propio persoal militar está a realizar as tarefas de limpeza.
18/11/14.

En rolda de prensa, Fernando Balsa, da CIG-Servizos Ferrol, explicou que a representación do persoal tivo que acudir directamente ao xulgado para que actúe fronte a esta esquirolaxe, logo de que a Inspección de Traballo informara que non é competente dentro das instalacións militares.

Balsa agarda que a Inspección impoña a segunda sanción “moi grave” á Cleanet por incumprimento reiterado das súas obrigas coas traballadoras e traballadores, “porque deste xeito ficaría imposibilitada para acceder ás contratas coas administracións públicas”. Neste senso, o representante da CIG-Servizos preguntouse por que a Xunta de Galiza rebaixou a primeira sanción da Inspección de “moi grave” a “grave” e a que intereses responde esta decisión “cando estamos ante empresa que leva máis de un ano incumprindo co persoal e co estabelecido no convenio de aplicación”.

Na comparecencia, Fernando Balsa tamén se referiu ao acordo entre o Ministerio de Defensa e Cleanet, que atrasa aínda máis o pago de salarios, posto que a empresa procedería a abonar os salarios de setembro a 21 de novembro, pero as nóminas de outubro non se cobrarían até mediados de decembro. É dicir, con máis de dous meses de atraso. 

Así mesmo, a representación sindical ten solicitada unha xuntanza co Delegado do Goberno para abordar a problemática que padecen as/os traballadoras/es de Cleanet, que afecta á maioría das instalacións adxudicadas á empresa. De feito, os problemas con Cleanet comezaron ao pouco de recibir a contrata –valorada en 12 millóns de euros-, xa que, no caso do Arsenal de Ferrol, mesmo se negou a subrogar a catro empregadas. A isto seguiron modificacións de xornada, impagos e atrasos xeneralizados até chegar á situación actual.

Dende a CIG-Servizos apelan novamente á responsabilidade do Ministerio de Defensa e insisten en que se rescate o contrato.

Ao remate da comparecencia, as traballadoras e os traballadores, que están en folga indefinida dende o pasado 27 de outubro, saíron en manifestación espontánea até a Praza de Armas. Mañá está convocada unha asemblea para avaliar as últimas informacións e acordar as accións a desenvolver. Cómpre destacar que na anterior asemblea, o persoal decidiu por unanimidade non desconvocar á folga até que teñan ao día todos os pagos.