Intensifícanse as mobilizacións do persoal de Linorsa polos atrasos no pago dos salarios

Dende a CIG-Servizos demándase das administracións que rescaten as concesións ante os reiterados incumprimentos da empresa
As protestas que as traballadoras e traballadores de Limpiezas de Noroeste (Linorsa) veñen desenvolvendo dende o verán, estanse a intensificar nestes días ante os reiterados incumprimentos no pago dos salarios. E mentres o persoal de Ourense segue coa folga, as traballadoras/es de Pontevedra, Vigo e Lugo realizaron novas concentracións este mércores.
19/11/14.

Galería de imaxes

Lonxe de albiscar unha pronta solución, e tras dos vagos compromisos da empresa coa representación social de diversos centros de traballo, os problemas no cobro dos salarios téñense agudizado, pois agora Linorsa non só atrasa o abono das nóminas, senón que mesmo fracciona os pagos en misérrimas porcentaxes.

Ante esta situación insostíbel, as traballadoras e traballadores de Linorsa nas distintas contratas que ten adxudicadas en Galiza están a intensificar as mobilizacións e accións reivindicativas para esixir tanto o pago inmediato dos seus salarios como para demandar das distintas administracións que se impliquen dunha vez e obriguen a empresa a pagar o que debe. De non ser así, a CIG-Servizos insta ás administración a que rescaten as concesións adxudicadas a Linorsa.

Así, este mércores as traballadoras de Linorsa en Pontevedra mobilizáronse diante da Audiencia provincial, mentres que en Lugo a protesta se realizou ás portas da sede da empresa. En Vigo, o persoal concentrouse diante dos edificios da Xunta e na Autoridade Portuaria, e mañá farao nos xulgados. Ademais, en Ourense as traballadoras/es están en folga dende o luns, nun paro que rexistra un seguimento maioritario.

Xunto a isto, as traballadoras e traballadores de Linorsa na Coruña teñen convocada unha concentración para este venres no aeroporto de Alvedro.