As Seccións Sindicais da CIG en Navantia trasladan apoio ás traballadoras/es de Cleanet en folga

O persoal está en folga dende o pasado 27 de outubro para esixir o cobro dos seus salarios
A Seccións Sindicais da CIG en Navantia Fene e Ferrol trasladaron o seu apoio ás traballadoras e traballadores de Cleanet, empresa que ten a contrata dos servizos de limpeza das dependencias do Ministerio de Defensa, e que están en folga indefinida dende o pasado 27 de outubro para esixir o cobro dos salarios adebedados.
21/11/14.

A seguir reproducimos o comunicado das Seccións Sindicais:

"As Seccións Sindicais de CIG-Industria de Navantia Fene-Ferrol queren amosar a súa  solidariedade coas traballadoras e traballadores da Empresa de limpeza Cleanet.

Ao paso, darlle ánimos a estas compañeiras e compañeiros que levan preto dun mes en folga indefinida, na demanda do pago dos salarios adebedados –máis de dous meses-  pola empresa. E tamén enfrontándose a unha ilegalidade manifesta por unha Administración, que lonxe de dar exemplo de cumprimento da legalidade, atenta contra un dereito fundamental, como é o dereito de folga, ao obrigar aos mariñeiros a realización das tarefas de limpeza das instalacións.

Resulta esperpéntico que unha concesionaria, que está a cobrar da Administración, non pague os salarios, polo que demandamos do Ministerio de Defensa unha actuación urxente, como responsábel do contrato coa empresa, para reverter a situación ese normalice a súa situación".

Nova relacionada:

Presentada denuncia contra Defensa por vulneración do dereito á folga das traballadoras de Cleanet