Sentada e manifestación das traballadoras de Cleanet, a piques de cumpriren un mes en folga

A empresa, unha vez máis, sáltase os acordos acadados con Defensa para o pago dos salarios
A piques de cumprir un mes en folga, as traballadoras e traballadores de Cleanet lonxe de caer no desánimo, volveron este martes levar as súas reivindicacións polas rúas de Ferrol, toda vez que a empresa afonda nos reiterados incumprimentos nos pagos dos salarios. Desta volta a protesta concretouse nunha manifestación dende a porta do Dique até a Escola Militar Antonio Escaño e nunha sentada en plena Avenida do Esteiro.
25/11/14.

A mobilización chega logo de comprobar que, novamente, a empresa incumpre as súas obrigas, pois segundo o acordo verbal acadado co Ministerio de Defensa, Cleanet tiña de prazo até o 21 de novembro para abonar a nómina de setembro. Porén, o persoal segue sen cobrar “e descoñecemos cal é o motivo, porque nalgúns centros de traballo si pagou”, denuncia Pablo Fragoso, da CIG-Servizos Ferrol.

Ante esta situación, e tal e como se acordou na última asemblea, as traballadoras/es van intensificar as medidas de protesta e xa teñen organizadas mobilizacións para case todos os días desta semana. Ademais, o xoves, unha representación do persoal –a través do BNG- acudirá ao pleno municipal para defender de primeira man unha moción solicitando do goberno local que inste a Defensa a que obrigue a Cleanet a abonar as nóminas. 

Así mesmo, a representación sindical ten solicitada unha xuntanza co Subdelegado do Goberno para abordar a problemática que padecen as/os traballadoras/es de Cleanet, que afecta á maioría das instalacións adxudicadas á empresa. De feito, os problemas con Cleanet comezaron ao pouco de recibir a contrata –valorada en 12 millóns de euros-, xa que, no caso do Arsenal de Ferrol, mesmo se negou a subrogar a catro empregadas. A isto seguiron modificacións de xornada, impagos e atrasos xeneralizados até chegar á situación actual.

Dende a CIG-Servizos apelan novamente á responsabilidade do Ministerio de Defensa e insisten en que se rescate o contrato.