Merenda reivindicativa no Museo Militar de Ferrol en demanda do cobro dos salarios

As traballadoras de Cleanet proseguen co calendario de mobilizacións diarias
As traballadoras e traballadores de Cleanet continúan a se mobilizar en demanda cobro dos seus salarios, desta volta cunha improvisada merenda diante nas instalacións do Museo Militar de Ferrol. A protesta prodúcese cando están a punto de cumprir un mes en folga e sen que se producisen avances firmes por parte da empresa que garantan o abono do total das contías pendentes.
26/11/14.

Na merenda de media mañá diante do museo –que se prolongou por máis de unha hora-, non faltaron nin os manteis no chan, nin os bocadillos, nin os termos de café. A acción reivindicativa tivo un certo carácter improvisado xa que as intencións do persoal pasaban por realizar un peche no interior das instalacións. Porén, á hora acordada para o inicio do encerro, atopáronse con que a policía militar xa estaba no lugar e as portas do museo permanecían cerradas ao público.

A protesta forma parte do intenso calendario de mobilizacións acordado nas asembleas de traballadoras/es, que teñen intención de continuar coa folga indefinida iniciada o pasado 27 de outubro até que a empresa pague todos os salarios adebedados, que até o momento suman xa a nómina de setembro e outubro. Sobre este punto, Pablo Fragoso da CIG-Servizos Ferrol, sinalou que, parece ser que Defensa está iniciando os trámites para o rescate da concesión. Pero esta información nin é oficial nin está confirmada, matizou.