O persoal de Cleanet en Pontevedra para durante unha hora e protesta diante da Brilat e a Escola Naval

As traballadoras/es da limpeza das instalacións militares reclaman o cobro inmediato dos salarios pendentes
O persoal de Cleanet en Pontevedra secundou na súa práctica totalidade -coa única excepción dunha traballadora- o paro dunha hora convocado no servizo de limpeza das instalacións militares da comarca de Pontevedra para reclamar que se lles abonen os salarios pendentes. As afectadas/os aproveitaron para realizar unha concentración de protesta ás portas da Brilat en Figueirido e da Escola Naval en Marín.
27/11/14.

(Galería de imaxes das mobilizacións)

Dende a federación de Servizos da CIG de Pontevedra explicaron que foron as propias traballadoras/es as que decidiron recentemente en asemblea a convocatoria dos paros dunha hora de duración para amosar o seu rexeitamento ao plan de pagos pactado entre a empresa concesionaria e o Ministerio de Defensa porque atrasa aínda máis o cobro dos soldos pendentes.

As afectadas/os aproveitaron a folga para levar a cabo concentracións de protesta ás portas da Brilat en Figueirido entre as 10.00 e as 11.00 horas, mobilización á que se sumaron as traballadoras/es da residencia e das instalacións deportivas militares de Campolongo. A continuación, de 11.00 a 12.00, a protesta trasladouse ás portas da Escola Naval de Marín.

Ademais de despregar unha faixa reivindicativa ás portas e destes dous recintos militares, berraron consignas como “Cleanet non paga, Defensa solución” ou “Traballamos pero non cobramos”, así como outras alusivas á complicidade e á falta de acción do Ministerio español cos incumprimentos da empresa concesionaria.

Finalmente, dende a CIG-Servizos adiantan que a vindeira semana convocarán as traballadoras/es a unha nova asemblea para decidir e organizar as vindeiras mobilizacións, coa vista posta na próxima celebración dunha festividade militar na Brilat.