As traballadoras de Cleanet inician unha acampada indefinida diante do Arsenal Militar

O persoal, que leva máis dun mes en folga, reclama unha solución inmediata á súa insostíbel situación
As traballadoras de Cleanet Empresarial, empresa responsábel da limpeza das instalacións militares de Ferrol, veñen de iniciar acampada indefinida no parque do Cantón de Ferrol (diante da porta do Dique do Arsenal) para esixir unha solución definitiva ao problema de impagos que sofren dende que a empresa accedeu á contrata do servizo.
04/12/14.

Durante a acampada, que consiste na instalación dunha caravana e de tendas de campaña, realizaranse distintos actos culturais, lúdicos e reivindicativos para achegar á cidadanía de Ferrol a situación das traballadoras, en folga indefinida dende o pasado 27 de outubro polos reiterados atrasos no cobro dos seus salarios.

A idea, explica Fernando Balsa, da CIG-Servizos de Ferrol, é que se organicen quendas rotativas para que sempre haxa xente na acampada e, paralelamente, se vaian desenvolvendo actividades variadas para dar máis visibilidade ao conflito e que a cidadanía tamén se poida achegar ao lugar e amosar así o seu apoio ás traballadoras e ás súas lexítimas reivindicacións.

A este respecto, dende a CIG-Servizos denuncian que a empresa, a pesar do prolongado da folga, mantén unha actitude totalmente despreocupada, e mesmo continúa a incumprir os prazos para os pagos dos salarios aos que se comprometera diante de Defensa, sen achegar ningún tipo de explicación.

De igual xeito, Balsa tamén lamentou a reprobábel actitude do Ministerio diante deste conflito, xa que, en lugar de asumir as súas responsabilidades e proceder á rescisión do contrato, consinte que a empresa incumpra sistematicamente coas súas obrigas. E, no caso concreto dos responsábeis do Arsenal Militar de Ferrol, critica que “estean máis preocupados por se estamos realizando unha concentración no momento do izado da bandeira, que polas condicións laborais das traballadoras”.

En canto á denuncia por vulneración do dereito á folga contra Defensa, dende a CIG-Servizos destacaron que, ante a posibilidade de ser condenada xudicialmente, a administración militar deixou de utilizar o seu propio persoal para limpar as instalacións. De feito, a Federación da CIG ten coñecemento que xa hai queixas entre o persoal que traballa nestas instalacións pola falta de hixiene das mesmas.

Manifestación o mércores 10 de decembro

Dentro do calendario de mobilizacións, está prevista unha manifestación en apoio ás traballadoras o vindeiro mércores, 10 de decembro, ás 20:00, dende a Praza de España e con remate na acampada.