Traballadoras de Cleanet de todo o país manifestaranse este mércores en Ferrol

O persoal en folga continúa coa acampada diante do Arsenal Militar
As traballadoras de Cleanet continúan coa acampada iniciada a pasada semana no parque do Cantón de Ferrol, diante da porta do Dique do Arsenal, para esixir o cobro inmediato dos seus salarios. Dende a CIG-Servizos Ferrol chaman a solidarizarse coa loita destas traballadoras e participar na manifestación convocada este mércores, día 10, ás 20:00, dende a Praza de España e con remate na acampada.
09/12/14.

Na manifestación tamén participarán traballadoras e traballadores de Cleanet Empresarial que se encargan dos servizos de limpeza de diversas dependencias militares en Galiza; e que se atopan coa mesma problemática de falta de cobro.

Neste senso, Fernando Balsa, da CIG-Servizos Ferrol, destacou a solidariedade e a colaboración que as traballadoras están recibindo por parte da cidadanía, que se achega até o lugar da acampada para levarlles alimentos e bebidas quentes, e soportar así mellor as baixas temperaturas. Até a acampada tamén se teñen achegado representantes locais de diversas organizacións políticas.

En canto á resolución do conflito, Balsa apuntou que nunha reunión mantida con responsábeis do Arsenal Militar, estes comunicaron que a partir do próximo mes a administración pagará directamente a Cleanet e non a través dunha financeira, como viña ocorrendo até agora. A quebra da mencionada financeira e o bloqueo dos cartos era a escusa que estaba pondo Cleanet para xustificar os reiterados atrasos nos pagos.

Porén, critica Balsa, logo dos incontábeis incumprimentos da empresa, as traballadoras non teñen moita confianza en que este cambio sirva para regularizar definitivamente o cobro das nóminas.  Así as cousas, proseguen coa folga indefinida iniciada o pasado 27 de outubro e están dispostas a pasar o nadal na acampada se non reciben todos os salarios pendentes.