“Cleanet non paga, Defensa non dá a cara”

Traballadoras da empresa que realiza a limpeza das instalacións de Defensa manifestáronse polas rúas de Ferrol
As traballadores e os traballadores de Cleanet manifestáronse na tarde deste mércores polas rúas de Ferrol para esixir o cobro inmediato dos seus salarios, xa que a última mensualidade que percibiron foi a de agosto. A mobilización contou coa presenza de traballadoras de Cleanet de Pontevedra –que tamén sofren os problemas de impago- e de veciños/as e familiares que quixeron amosar deste xeito a súa solidariedade coa lexítima loita deste persoal, en folga dende o pasado 27 de outubro.
11/12/14.

A manifestación saíu ás 20 horas dende a Praza de España ao berro de “Cleanet non paga, Defensa non dá a cara”, percorreu as rúas do centro de Ferrol e rematou na acampada que as traballadoras iniciaron a pasada semana no Cantón, a carón da porta do Dique do Arsenal Militar. Alí, houbo pequenos problemas para desenvolver a protesta, xa que a policía local non cortara o tráfico naquela altura e as/os manifestantes tiveron que pasar coas faixas por entre os vehículos.

Ao remate da manifestación, Begoña Ramos, delegada da CIG en Cleanet, foi a encargada de dar lectura a un manifesto no que agradeceron o apoio recibido e expoñen a súa difícil situación laboral, que veñen arrastrando dende hai anos, pois este colectivo xa sufriu unha situación similar cando a contrata do servizo de limpeza do Arsenal Militar estaba en mans da empresa Lebreros.

Neste senso, Fernando Balsa, da CIG-Servizos Ferrol, apuntou que a mala experiencia con Lebreros e as dificultades que as traballadoras pasaron entón, deulles ánimos para lanzarse desta volta á convocatoria dunha folga indefinida, iniciada xa o 27 de outubro. “Non queren repetir esa situación, prefiren loitar polos seus dereitos e estar en folga, que traballar sen cobrar”, asegura.

“Sempre parece que o traballo da limpeza é menor e agora estase vendo que é fundamental. Hai militares que teñen que saír fóra, non poden cociñar nas instalacións, etc. E sabemos que o persoal civil que traballa alí xa advertiu que, de non limpárense as instalacións, non se cumprirán as condicións hixiénicas para poder traballar alí. E a Defensa parece que tampouco lle importa”.

Falta de acción de Defensa

En canto aos contactos con Defensa, Balsa lamentou a actitude tanto do Ministerio como concretamente dos responsábeis do Arsenal de Ferrol, por “despreocuparse totalmente da situación das traballadoras”. Na reunión mantida onte co intendente, apunta, “dixéronnos que a partir de agora a administración vai pagar directamente a Cleanet en vez de á empresa financeira a través das que facía os pagos. O bloqueo por parte da financeira era a escusa que sempre nos puña Cleanet para xustificar os atrasos e os impagos; se agora realmente recibe os cartos xa non habería escusa para non pagar. Pero a día de hoxe, non se veu ningún avance, todo segue igual”, lamenta.

Por parte da empresa, denunciou que esta non se ten posto en contacto en ningún momento coa parte social. De feito, engade, “a última vez que soubemos algo dela foi o día que tivo que acudir a declarar polo xuízo presentado contra Defensa por vulneración de dereitos fundamentais. E incluso entón mantivo unha actitude violentadora e denigrante, chegando a dicir que as traballadoras moita fame non pasaban que tiñan boa cara”.

A respecto da vulneración do dereito á folga por parte de Defensa, Balsa indicou que á vista da posibilidade de ser condenada, a administración deixou de recorrer ao propio persoal militar para realizar os servizos de limpeza das instalacións. “Sabemos que hai puntos nos que si se segue limpando, pero son minoritarios. Grazas a denuncia conseguimos que maioritariamente non se limpara”.

Neste senso, advirte dos problemas cos que se atopan para coñecer que ocorre dentro dos muros do Arsenal, xa que ao tratarse de instalacións militares ao acceso está moi restrinxido e mesmo a Inspección de Traballo se escuda na falta de competencias para realizar visitas ás mesmas.

A denuncia, matiza, finalmente foi retirada por cuestións burocráticas, xa que o informe preceptivo da Inspección chegou con moito atraso  e unicamente para testemuñar que non é competente, un aseveración que o sindicalista criticou duramente.  “Trámites que atrasaron a demanda un mes, cando ao se tratar dunha cuestión de dereitos fundamentais tíñase que estar resolta en tres ou catro días, que era cando se estaba producindo a esquirolaxe”, asegura.

Piden a rescisión do contrato

No manifesto final, Begoña Ramos solicitou ao Ministerio de Defensa que cumpra coa lexislación vixente e rescinda o contrato canto antes, “contratándolle o servizo a algunha empresa coa liquidez e garantías necesarias. Ese é o camiño para que se produza o pagamento nos salarios pendentes e a volta á normalidade do noso traballo, que é o que desexamos”, concluíu.

 

Galería de imaxes