“A crise de naval e construción tradúcese tamén nun forte incremento da precariedade no sector servizos"

CIG de Ferrol chama a participar na Cadea Humana do sábado para esixir medidas frente o deterioro laboral, económico e social
Cifras arrepiantes describen a situación de emerxencia social que sofre Ferrolterra: unha taxa de paro do 30% -a maior de Galiza-, e unhas taxas de ocupación e actividade das máis baixas do noso país, do 35.2% e 50.3% respectivamente. Entre estes números tamén se atopan as máis de 11.000 traballadoras e traballadores do sector servizos que engrosan as listas de desemprego de Ferrol-Eume-Ortegal. 11.000 homes e mulleres que están directamente afectadas pola crise estrutural que foi imposta á comarca hai décadas.
12/12/14.

A evolución do sector na comarca está estreitamente ligada á marcha da actividade do sector naval e da construción, segundo explica a Secretaria da CIG-Servizos de Ferrol, Cristina Martínez Padín. A caída da construción, a primeira actividade afectada tras do estoupido da crise financeira e da burbulla inmobiliaria arrastrou consigo a boa parte do comercio dedicado á venda de material para este sector. “Houbo un bo número de despedimentos e EREs nas empresas a causa da baixada da actividade na construción”, subliña.

Mentres, apunta, a perda de emprego no sector naval golpeou especialmente ao pequeno comercio,“e a maioría xa pecharon a causa da crise”. Para comprobar esta afirmación chega con dar unha volta polo centro da cidade de Ferrol, inzado de baixos e locais comerciais cos letreiros de “alúgase” colgados da porta.

Pero o problema non se limita á destrución masiva de emprego, senón, engade, “estamos constatando tamén un incremento da precariedade laboral no sector servizos por mor da conxuntura económica, e moitos empresarios/as están aproveitándose desta situación para meter recortes nos salarios, nas xornadas, etc.”. Nun sector, lembrou Padín, altamente feminizado e xeralmente cunhas condicións de traballo e salarios moi inferiores ás do sector industrial ou da construción.

A este respecto, a Secretaria Comarcal da CIG-Servizos advirte do aumento da contratación parcial “cando na realidade se traballa a xornada completa e moito máis. Esta situación é especialmente grave en actividades como a hostalería, a limpeza ou a axuda a domicilio”.

Único sustento das familias

A maiores, engade, estes postos adoitan estar ocupados por mulleres “e antes do estoupido da crise os seus salarios, normalmente cativos, servían de complemento doutros soldos que entraban no fogar. Pero agora atópamos con que moitas familias teñen que vivir unicamente deste ingreso, que en ocasións chega con atraso e, ás veces, nin chega”.

Martínez Padín, puña como exemplo  desta afirmación os casos das traballadoras de Cleanet –empresa que fai a limpeza dos edificios militares- ou Catering Caranza –que ten a concesión de restauración do Clube de Oficiais e Suboficiais-. En canto a Cleanet, as 54 traballadoras teñen pendentes de cobrar os salarios de setembro e outubro, motivo polo que xa levan en folga indefinida sete semanas. “A maioría destas mulleres son as que sosteñen as súas familias e nestes momentos xa hai casos dramáticos de persoas que non poden facer fronte ao pago das hipotecas e dos alugueiros. Mentres, Defensa mira para outro lado”, denuncia.

En situación similar está o persoal de Catering Caranza no Club de Oficiais e Suboficiais. “A maioría da empregadas son mulleres, con condicións precarias, e cuxas familias dependen duns salarios que chegan de xeito irregular e con atraso”. De feito, engade, o persoal ten que “soportar, ademais, os abusos do empresario. E nin sequera os traballadores e traballadora que foron despedidas cobraron aínda as cantidades que a firma lles adebeda”.

Outra das empresas do sector que sufre problemas é Neira&Ortegal (dedicada a venda de material para construción), inmersa nos últimos dous anos nun concurso de acredores, e á espera de acadar un convenio coa banca ou entrar definitivamente en liquidación. A empresa, neste tempo, pasou de empregar a 80 traballadores/as a contar na actualidade con tan só 19 empregados/as.

O persoal, explica o co-responsábel comarcal da CIG-Ferrol, Xesús A. López Pintos, foi despedido en dous EREs consecutivos e as 20 persoas que saíron na última regulación, teñen pendentes de cobrar 50.000 euros. Por iso, hai unhas semanas mobilizáronse para esixir o cobro destas cantidades.

Grandes empresas que fomentan á precarización do sector

Fronte á destrución de empresas e do pequeno comercio, dende o inicio da crise instaláronse na comarca grandes superficies que, alén de favorecer a destrución do tecido comercial local, afondan na rebaixa das condicións laborais do sector, aproveitándose da situación de emerxencia social e a falta de ofertas de emprego.

Neste senso, Martínez Padín insiste en que a maioría dos contratos que realizan estas grandes empresas teñen unhas condicións laborais e salariais moi precarias, e por norma, son contratos de media xornada, aos que lle aplican cambios de quendas continuos “que imposibilitan a busca doutro emprego complementario”.

Participación na Cadea Humana

Para enfrontar esta situación e demandar medidas políticas inmediatas que freen este deterioro laboral, económico e social da comarca, e permitan encetar a recuperación de emprego digno e de calidade, a CIG de Ferrol chama á participar este sábado, 13 de decembro, na Cadea Humana que atravesará a Ponte das Pías, ás 12 do mediodía.