Traballadores/as do Hotel Hesperia Finisterre da Coruña mobilízanse polo convenio colectivo

O persoal ten convocadas protestas tamén os días 24 e 31 decembro e o 3 de xaneiro
Traballadores e traballadoras do Hotel Hesperia Finisterre da Coruña mobilizáronse na tarde deste venres en defensa do convenio colectivo e contra da actitude obstaculizadora que a empresa está a manter nas negociacións para o novo marco regulador. As concentracións, convocadas por CIG e UGT, repetiranse os días 24 e 31 de decembro, e o sábado 3 de xaneiro, se a dirección non muda de actitude.
19/12/14.

As organizacións sindicais denuncian a actitude bloqueadora e a mala fe por parte da empresa nas negociacións, que na última reunión mesmo chegou a ameazar á parte social con rachar co convenio actual e pasar ao convenio provincial de aplicación –con condicións laborais e salariais inferiores-. “E iso, a pesar de que o convenio de empresa vixente ten recoñecida a ultraactividade até que se asine un novo” asegura o Comité.

A este respecto, dende o Comité subliñan que nos últimos dous anos os traballadores e traballadoras aceptaron unha conxelación das condicións laborais e salariais na prórroga do convenio e estarían dispostos/as a asumir, de cara a facilitar a sinatura do novo convenio, unha suba mínima, xa que o seu obxectivo é a defensa do actual convenio e das melloras recollidas no seu articulado. Unha disposición que dende a empresa tampouco tiveron a ben atender.

Así as cousas, dende a CIG-Servizos destacan que a situación laboral neste estabelecemento de luxo tense deteriorado nos últimos anos. Nestes momentos o Hotel Hesperia Finisterre da Coruña (de 5 estrelas) conta apenas con 40 traballadores/as, cando, pola contra, tendo menos categoría (4 estrelas) chegou a empregar a case 100 persoas. “Agora, para suplir esta carencia de persoal, a empresa tira da precariedade e recorre a “bolseiros/as” para poder facer os traballos”, denuncian. De feito, o Hotel ten case o mesmo número de bolseiros/as que de persoal contratado.

De non producírense avances na negociación, os traballadores e as traballadoras repetirán as protestas os días 24 e 31 de decembro, así como o sábado 3 de xaneiro.