As traballadoras de Cleanet Ferrol cumpren este sábado dous meses en folga

O persoal continúa co paro indefinido pero acordou suspender temporalmente a acampada para poder pasar o nadal coas súas familia
As traballadoras de Cleanet –empresa que ten a concesión dos servizos de limpeza das instalacións de Defensa- cumprirán o vindeiro sábado, 27 de decembro, dous meses en folga indefinida en demanda do cobro dos seus salarios. O persoal que, ao tempo do paro, está desenvolvendo unha acampada no Cantón de Molíns, a carón do Arsenal Militar, critica que neste tempo nin a empresa, nin o Ministerio, fosen quen de achegar unha solución ao problema dos impagos.
23/12/14.

A desidia da empresa e de Defensa –titular do contrato- está levando a este colectivo de traballadoras (máis de 50 en Ferrol) a unha situación límite, pois a última nómina que cobraron foi a de agosto, e o salario de moitas destas traballadoras é o único sustento do que dispoñen as súas familias. Porén, non están dispostas a renunciar á loita e polo momento xa teñen acordado continuar adiante coa folga indefinida, que pronto cumprirá os dous meses.

Non obstante, ante o esforzo que están a realizar, si decidiron suspender temporalmente a acampada, para poder pasar o nadal nas súas casas rodeadas das súas familias. Aínda que a súa intención é retomar a mobilización tras o remate das festas.

Fronte á pasividade do Ministerio de Defensa, dende a CIG-Servizos Ferrol reclaman á administración que asuma as súas responsabilidades dunha vez,  proceda á rescisión do contrato con Cleanet, abra un novo prego de condicións e adxudique o servizo a unha empresa solvente capaz de garantir o pago dos salarios. Neste senso, sinalan que até o momento todo foron promesas e boas palabras mais ningún feito concreto que permita albiscar unha solución definitiva a un problema de atrasos –que se converteu en impago- iniciado pouco despois da adxudicación do servizo a Cleanet.

De feito, o anuncio de que de Defensa pagará directamente á empresa e non a través dunha financeira tampouco ten resolto, até o momento, os impagos. O bloqueo por parte da financeira era a escusa á que recorría Cleanet para xustificar os atrasos e o os impagos das nóminas.

Así as cousas, as traballadoras están dispostas a seguir adiante porque non queren que se repitan indefinidamente os impagos dos soldos; pois, cómpre lembrar que xa viviron unha situación similar cando a limpeza do Arsenal estaba en mans da empresa Lebreros.