Convocatoria no Leroy Merlin de Santiago contra o despedimento do delegado da CIG na empresa

O venres día 2 de xaneiro, ás 19:00 horas
A CIG-Servizos convoca para o vindeiro venres, día 2 de xaneiro, ás 19:00 horas, unha concentración diante do establecemento de Leroy Merlín de Compostela en protesta polo despedimento do delegado da sección sindical da CIG na empresa. Esta é a primeira das mobilizacións que se convocan pero xa anuncia que continuarán as protestas até que o traballador sexa readmitido.
30/12/14.

A CIG-Servizos de Compostela explica que este despedimento prodúcese tras varios casos de represión por parte da dirección da empresa contra a sección sindical da CIG, logo de que esta presentara demandas por modificacións de horarios e denuncias perante a Inspección de Traballo por vulneración de liberdade sindical.

O traballador despedido foi, até hai un ano, membro do comité de empresa e Leroy Merlin agardou a que transcorrera o tempo legal de protección dos membros do comité (1 ano) para proceder a este despedimento que a empresa realiza como disciplinario recoñecendo a súa improcedencia.

A CIG-Servizos lembra que nas últimas eleccións sindicais Leroy Merlin tratou de incidir nas mesmas para que non existise candidatura da CIG tal e como quedou probado no laudo arbitral en materia electoral e posteriormente na sentenza xudicial que o ratificou.

Con esta primeira movilización a CIG reclama a súa readmisión no posto de traballo e anuncia que seguirá a movilizarse mentres non se consiga.