A CIG convoca nova xornada de folga parcial no Hotel Jorge I en protesta polo impago dos salarios

Realizarase o día 11 de xaneiro, de 13 a 16 horas
A CIG vén de convocar unha nova xornada de folga parcial no Hotel Jorge I de Lugo para o próximo domingo, 11 de xaneiro, que se desenvolverá de 13:00h a 16:00h, en protesta polo impago dos salarios.
05/1/15.

Este novo paro dá continuidade ás mobilizacións que os traballadores/as veñen realizando ante os reiterados incumprimentos no pago dos seus salarios. Unha situación que aínda continúa a darse a día de hoxe.

A maiores, explican dende a CIG de Lugo, por decisión empresarial, e alegando avarías no sistema de calefacción, o hotel estivo pechado durante todo o período do nadal. A reapertura está prevista para mañá, día 6 de xaneiro, mais “hai rumores de que se atrasará aínda algún dia”.

En todo caso, explican, os/as traballadores/as volverán mañá aos seus postos de traballo e, no caso de que non se reabra o Hotel, denunciarase a situación ante a Inspección de Traballo para que levante acta da situación.

O persoal do Hotel Jorge I (de catro estrelas), vén sufrindo atrasos no cobro dos salarios dende hai tempo, e nestes momentos teñen pendentes de cobrar unha media de tres nóminas, aínda que a algún/ha traballador/a se lle adebedan máis cantidades. Ademais, boa parte do persoal xa ten presentado demandas xudiciais reclamando o pagamento dos salarios ou pedindo a extinción dos contratos.

Folga parcial no Hotel Jorge I e concentración diante do Gran Hotel de Lugo en demanda do cobro dos salarios