REGAKI-COGAMI non pagan os salarios do persoal malia saber que poñen en risco a súa saúde

O persoal desta empresa “sen ánimo de lucro” mobilizarase o xoves para reclamar os salarios e en defensa dos postos de traballo
As traballadoras e traballadores (un total de 95) da Rede Galega de Quioscos, pertencentes á ONG COGAMI e Galega de Economía Social levan desde o mes de novembro sen percibir os seus salarios e a esta altura carecen de medios básicos de subsistencia e mesmo de cartos para pagarse as medicacións. Sobre eles pesa a ameaza de peche de todos os quioscos de Galiza, logo de que a empresa presentara concurso de acredores e un ERE extintivo que os deixaría a todos/as na rúa.
13/1/15.

Este luns celebrouse unha segunda xuntanza entre a representación dos traballadores e traballadoras de COGAMI, o administrador concursal e a representante da empresa Rede Galega de Kioscos.  Carmiña Naveiro, representante da CIG-Servizos, que participou na mesma en calidade de asesora, denuncia a actitude de José Bispo Peiteado, administrador concursal.

Naveiro explica que no decurso da xuntanza deuse conta, polo miúdo, da gravísima situación económica na que se atopa o persoal desta empresa, sen cobrar desde o mes de novembro e sen medios para facer fronte aos gastos básicos ou a comprar os medicamentos “imprescindíbeis para non pór en risco a súa saúde”.

Sinala ademais que, “en canto ao pago das nóminas”, a representante da empresa reiterou que “hai liquidez na conta corrente, sen prexuízo de que os pagos poidan suxeitarse ao que dispón a lei concursal”,  e así figura na acta da xuntanza deste luns. Porén é o propio administrador concursal, Bispo Peiteado, quen “prefire gardar os cartos para pagar posíbeis facturas de luz, auga ou telefonía, en lugar de priorizar os gastos na parte máis sensíbel da empresa que son as traballadoras/es”, denuncia a representante da CIG-Servizos.

Diante desta situación insostíbel, a semana pasada comezaron as mobilizacións cunha concentración diante dun dos quioscos que a empresa ten na Praza de Galiza, partindo da Alameda compostelá. Unha mobilización que contou coa participación da práctica totalidade do persoal e coa solidariedade doutros traballadores/as.

 Carmiña Naveiro, da Executiva de CIG-Servizos, subliña que se trata dun colectivo especialmente sensíbel  que durante estes anos xa sufriu, por parte de REGAKI, a precariedade nos centros de traballo, con salarios de apenas 600€ e que ademais sofre, na maioría dos casos, problemas crónicos de saúde.

A Xunta de Galiza elude a súa responsabilidade

Por iso considera que “é insultante e inadmisíbel” que a empresas como esta a Xunta de Galiza lles permita cobrar subvencións millonarias para integración social e laboral cando, a día de hoxe, os traballadores e traballadoras de REGAKI, por non ter cobrado os seus salarios, “non poden sequera pagar as medicinas que precisan no día a día e que para eles/as son de primeira necesidade”.

Denuncia ademais que, nun caso alarmante como este, a Xunta de Galiza elude as súas responsabilidades e nin sequera se pronuncia ao respecto. “Isto co agravante de non ter feito en ningún momento un seguimento de para que estaban a ser utilizados os cartos públicos que lles estaban concedendo”.

Próximas mobilizacións

Por iso, e perante a absoluta falta de sensibilidade da administración concursal e da empresa, anuncian que continuarán as mobilizacións, a próxima o vindeiro xoves día 15 de xaneiro as 18:00 horas diante da empresa Galega de Economía Social (GES) na Costa Vella en Compostela.