CIG denuncia o absoluto desentendemento do Concello de Arteixo co persoal da piscina municipal

O goberno local non tentou negociar ningunha alternativa ao peche das instalacións, obrigando ao persoal a ficar no paro 3 meses
A CIG-Servizos quere denunciar a falta de responsabilidade e o desentendemento absoluto por parte do Goberno local de Arteixo cos traballadores e traballadoras da piscina municipal, tras acordar de xeito unilateral e sen previo aviso o peche das instalacións por un período de tres meses, “nunha decisión que semella máis electoralista que necesaria”, aseveran.
14/1/15.

A representación dos traballadores/as critica a falta de información –tiveron coñecemento do peche unha semana antes de executarse-, así como que o Concello non se dirixira ao persoal en ningún momento para avaliar posíbeis solucións alternativas, senón que, “máis ben ao contrario, se limitou a asegurar que se trata dun problema entre unha empresa privada (a concesionaria da xestión) e o seu empregados/as”.

A CIG-Servizos subliña que á situación actual se chega porque a  UTE adxudicataria das obras incumpriu os prazos dados para a execución das obras. Porén, dende o Concello non se pediron responsabilidades a esta empresa polos atrasos “e buscouse unha saída fácil, na que os/as máis prexudicados son os traballadores/as, que da noite para a mañá víronse obrigados/as a pasar ao paro, e os usuarios/as, que quedan sen este servizo público”, denuncia o Secretario nacional da Federación, Paulo Rubido.

De feito, engade, foi a propia representación do persoal á que tivo que pór en marcha negociacións coa empresa para acadar unha solución transitoria e evitar o despedimento dos 22 traballadores/as da piscina. Solución que se concretou na aplicación dun ERTE durante o tempo do peche co prexuízo que isto supón: cobran só o 70% dos seus salarios (en moitos casos mensualidades xa cativas porque non son a xornada completa) e ademais están consumindo, por decisións alleas e dunha urxencia inxustificada, o dereito á prestación por desemprego.

A este respecto, a CIG-Servizos critica que ante a imposibilidade de rematar as obras de piscina no prazo estabelecido, “o Concello de Arteixo optase de xeito unilateral por clausurar as instalacións, nunha decisión motivada presumibelmente por un interese electoralista. Pois ao non ter actividade, as obras da piscina poden avanzar de xeito máis rápido e estar rematadas de cara á próxima convocatoria de eleccións municipais”.

Prexuízo tamén para os usuarios e usuarias

Así mesmo, a CIG-Servizos súmase ao malestar social xerado pola decisión, xa que tampouco se informou da mesma aos usuarios e usuarias das instalacións que agora carecen dun servizo polo que viñan pagando.

Hai que destacar que o peche se produce con cursos xa iniciados –moitos deles destinados a nenos e nenas, rompendo deste xeito a súa formación deportiva- e impedindo o desenvolvemento das actividades na piscina a outros usuarios/as que necesitan realizar este exercicio incluso por prescrición médica. A única solución ofrecida polo Concello é desprazarse até a Coruña para acudir a unhas instalacións desta cidade coas que asinou un convenio.