Denuncian que a situación de REGAKI foi provocada pola empresa para xustificar despedimentos gratuítos

Entende que a dirección da empresa provocou unha suposta “quebra” para xustificar como única solución a que xa tiña previsto
A última xuntanza do período de consultas, celebrada este luns, pechou sen acordo ao entender a parte social que tanto a administrador concursal como a propia dirección de REGAKI “actuaron de mala fe”. A CIG-Servizos denuncia que nesta reunión membros da propia dirección da empresa presentaron unha proposta que, curiosamente, fora publicada por un medio de comunicación xa a principios de novembro. Proposta que contempla que os novos administradores quedarían só coa parte máis beneficiosa da empresa e prescindirían de 65 traballadores/as.
20/1/15.

“Chama moito a atención que esa proposta sexa presentada polos membros da dirección de REGAKI, Ramón Sande, actual xerente da empresa e Manuel Quiñones, tamén membro da dirección da empresa e encargado provincial da área de Pontevedra e Coruña”, explica Carmiña Naveiro.

E chámalle a atención porque foron precisamente membros da dirección da empresa quen consideraron que a situación de REGAKI (COGAMI-GES) viña provocada por unha mala xestión da propia dirección. “Daquela, coma hoxe, defendiamos que se había un problema de mala xestión habería que depurar responsabilidades entre quen eran responsábeis e non facer pagar as consecuencias desa mala xestión a traballadoras e traballadores cos seus salarios e mesmo cos seus postos de traballo”.

Naveiro subliña que tanto empresa como administrador concursal eran coñecedores desta proposta desde o principio e “entendemos que ambos actuaron de mala fe. Sospeitamos que mantiveron xuntanzas paralelas co obxectivo de levarnos cara esta proposta coa que se pretende ‘facer limpeza’ eliminando certos postos de traballo para quedarse só coa parte máis beneficiosa da empresa”.

Proposta sen credibilidade

Por iso, na propia xuntanza, a parte social afirmou que a proposta formulada “non merece credibilidade porque é presentada polas persoas responsábeis da xestión de REGAKI nos dous últimos anos e, polo tanto, por quen ten responsabilidade da xestión negativa que se presenta por parte de REGAKI. Nesa proposta non se garante a subrogación dos postos de traballo que din que van manter”. A isto engadiron que é ademais “claramente insuficiente” para o normal funcionamento dos quioscos”.

De feito, a CIG-Servizos entende que calquera proposta a ter en conta debería contemplar o mantemento da totalidade dos postos de traballo. Por iso instaron á administración concursal a abrir un proceso de “concorrencia competitiva de propostas para valorar entre todos e todas e que sexan coñecidas estas polos traballadores e traballadoras”, sinala Naveiro, quen especifica que “non estamos a falar dunha empresa convencional”.

Perdas irreais

Para a CIG-Servizos queda claro pois que, desde o inicio, esta operación foi unha manobra orquestrada pola propia empresa para chegar ao punto actual e considera que así se tira da análise da situación económica alegada por REGAKI cuxa “inamovíbel posición de liquidar a empresa non está realmente sustentada en razóns obxectivas”. 

Explica que malia contabilizar perdas, REGAKI non é unha compañía en quebra, que os seus maiores acredores son outras sociedade do grupo e que, a pesares de diminuír os seus ingresos, a diminución de custos foi superior, o que se traduciu nunha redución progresiva de perdas.

Sinala que nas últimas contas pechadas e auditadas (2013), as perdas ascenderon a 141.388,07€, pero xa só en indemnizacións por despedimento se contabilizaron 155.789,69€. Se a isto se engade que esas contas incorporan os salarios dos despedidos até o momento en que se produciu o seu despedimento –isto explica que nos nove primeiros meses de 2014 os gastos de persoal minguaran un 17,25% respecto do mesmo período de 2013- así como a propia confirmación por parte da concursada de que existen quioscos viábeis ao afirmar que “cada un dos quioscos é unha unidade produtiva idónea para ser explotada individualmente”, isto viría confirmar que  “a drástica e preconcibida opción de liquidar a empresa non descansa na realidade económica e patrimonial da mesma, senón nunha decisión arbitraria dos seus xestores, que perverte todo o procedemento de consultas, que xa non pode versar sobre as posibilidades de evitar ou reducir os despedimentos colectivos”.

Xuntanza coa conselleira

Ante esta situación, CIG-Servizos vén de solicitar unha xuntanza coa conselleira de Traballo e Benestar Beatriz Mato para que asuma a súa responsabilidade neste asunto. “Estanse rescatando bancos, autoestradas… e entendemos que con máis motivo deberían rescatar uns postos de traballo imprescindíbeis para este colectivo especialmente sensíbel, para garantir a súa integración social e laboral”.

Concentración o vindeiro xoves 22

Este vindeiro xoves día 22 convócase unha nova mobilización de traballadores/as, ás 17:00 horas na Rúa Modesto Brocos, diante da sede de COGAMI, á que se fai un chamamento a participar a veciños e veciñas de Compostela que se queiran sumar para apoialos nas súas demandas e para denunciar a precariedade na que se atopan.

Naveiro sinala que na xuntanza desta luns anunciouse que se pagarían os salarios do mes de novembro, pero nada a respecto da paga extra ou do mes de decembro. “Parécenos claramente insuficiente tendo en conta que hai liquidez e que para este colectivo de traballadores/as é imprescindíbel cobrar”.

Ao remate da mobilización está previsto ademais que se celebre unha asemblea de traballadores/as para analizar a actual situación da empresa e as súas consecuencias para as traballadoras e os traballadores.