Concentración no Leroy Merlin de Compostela en demanda da readmisión do delegado da CIG

Esta tarde celebrarase unha xuntanza co Xefe de Recursos Humanos da empresa
A CIG-Servizos concentrábase esta mañá no Leroy Merlín de Compostela, coincidindo coa visita do xefe de Recursos Humanos a nivel de Estado, para reclamar a readmisión do delegado da sección sindical da CIG na empresa. As e os concentrados entraron no estabelecemento para continuar no interior coa protesta e conseguiron que se acordara unha entrevista co directivo para a primeira hora desta tarde. Inmediatamente despois foron desaloxados/as pola policía.
21/1/15.

A CIG-Servizos denuncia que o traballador despedido foi, até hai un ano, membro do comité de empresa e Leroy Merlin “agardou a que transcorrera o tempo legal de protección dos membros do comité (1 ano) para proceder a este despedimento que a empresa realiza como disciplinario recoñecendo a súa improcedencia”.

Sinalan que a decisión de despedir a este represnetante sindical se produciu tras varios casos de represión por parte da dirección da empresa contra a sección sindical da CIG, logo de que esta presentara demandas por modificacións de horarios e denuncias perante a Inspección de Traballo por vulneración de liberdade sindical.

Nas últimas eleccións sindicais Leroy Merlin tratou de incidir nas mesmas para que non existise candidatura da CIG “tal e como quedou probado no laudo arbitral en materia electoral e posteriormente na sentenza xudicial que o ratificou”.

Agardan que esta tarde se chegue a un acordo para que o traballador sexa readmitido e remate a represión sindical denunciada.