Desaloxan persoal de REGAKI pechado na sede de COGAMI, onde pensaban ficar até cobraren os salarios

Cobraron o mes de novembro e aínda teñen pendentes o salario de decembro e a extra
Persoal de REGAKI, xunto con compañeiros/as da CIG-Servizos, pecháronse na tarde de onte na sede de COGAMI, de onde foron desaloxados/as contra as 22:00 horas. A súa intención era continuar nas dependencias da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade mentres non lles abonaran os seus salarios. A empresa alega que non ten cartos cando nunha das xuntanzas co administrador concursal recoñeceu que si dispoñía de liquidez para facer fronte a eses pagos.
23/1/15.

Carminha Naveiro, da CIG-Servizos, lembra que a última xuntanza do período de consultas, celebrada o pasado luns  día 19, pechou sen acordo e denuncia que tanto a administrador concursal como a propia dirección de REGAKI “actuaron de mala fe”. Sinala que nesa reunión membros da propia dirección da empresa presentaron unha proposta que xa afora publicada por un medio de comunicación a principios de novembro e segundo a que os novos administradores quedarían só coa parte máis beneficiosa da empresa e prescindirían de 65 traballadores/as.

Naveiro subliña que na anterior reunión a representante da empresa afirmou que había liquidez na conta conta corrente para pagar os salarios e denuncia que foi o propio administrador concursal, Bispo Peiteado, quen considerou que eses cartos debían destinarse a para pagar posíbeis facturas de luz, auga ou telefonía, en lugar de priorizar os gastos na parte máis sensíbel da empresa que son as traballadoras e traballadores.

Segundo a proposta presentada serían Ramón Sande, actual xerente da empresa e Manuel Quiñones, tamén membro da dirección da empresa e encargado provincial da área de Pontevedra e Coruña, quen se farían con REGAKI. Unha solución que non serve para a CIG-Servizos que entende que foi precisamente a mala xestión da dirección a causante da actual situación.

Ante isto Naveiro entende que estamos ante unha operación orquestrada pola propia empresa para chegar ao punto actual e reitera que a pretensión de liquidar REGAKI “non está realmente sustentada en causas obxectivas” nin pode ser xustificada por unha situación de quebra senón que obedece a “unha decisión arbitraria dos seus xestores”.

A representante de CIG-Servizos denuncia ademais que todo indica que tanto empresa como administrador concursal eran coñecedores desta proposta desde o principio e “entendemos que ambos actuaron de mala fe” co obxectivo de desfacerse de certos postos de traballo para quedarse só coa parte máis beneficiosa da empresa”.

Para Naveiro o máis grave é que aínda tendo coñecemento da grave situación económica na que se atopa o persoal, só pagaron o mes de novembro, a pesar de saber que se trata dun colectivo especialmente sensíbel, que padece en moitos casos doenzas crónicas e que durante estes anos xa sufriu, por parte de REGAKI, a precariedade nos centros de traballo, con salarios de apenas 600€.