As traballadoras de Cleanet levan o seu conflito laboral até Bruxelas

Explicaron aos/ás eurodeputados/as a súa situación laboral logo de levar máis de tres meses en folga indefinida
O conflito que se está a vivir en Cleanet Empresarial chegou esta semana a Bruxelas, a onde un grupo de traballadoras, acompañadas por membros da CIG-Sevizos de Ferrol, acudiron para informar da problemática laboral que veñen arrastrando dende hai meses por mor dos atrasos no cobro dos salarios, que remataron converténdose en impagos, e que as levou á convocatoria de folga indefinida dende o 27 de outubro.
05/2/15.

As traballadoras mantiveron encontros con representantes da Dirección Xeral de Emprego e da Comisión de Emprego, así como unha xuntanza cos membros do Grupo da Esquerda Unitaria-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), na que unha das traballadoras explicou a situación dramática que padecen a causa da desidia da empresa e do propio Ministerio de Defensa.

Na súa intervención, Begoña Ramos denunciou que "as políticas privatizadoras da dereita son focos de corrupción", que teñen a finalidade de "lucrar a individuos sen ningún tipo de escrúpulos á conta das traballadoras e os impostos da cidadanía". No caso concreto de Cleanet, criticou que optara ao concurso público do servizo de limpeza de Defensa tirando os prezos e pretendendo logo cargar o custe sobre as traballadoras/es, sen pagarlle os salarios e coa total indiferenza da administración pública.

Na súa visita a Bruxelas, as traballadoras tamén recibiron unha carta da eurodeputada de Syriza, Kostadinka Kuneva, ex-sindicalista que desempeñou un moi importante papel na loita das traballadoras da limpeza do Ministerio de Finanzas, Administración Fiscal e Aduanas.

Un conflito prolongado

Cómpre lembrar que o persoal de Cleanet en Ferrol (que ten a concesión dos servizos de limpeza das instalacións de Defensa) levan sen cobrar os seus salarios dende o mes de agosto, están en folga indefinida dende o 27 de outubro e en todo este tempo viñéronse mobilizando ante a desidia absoluta da empresa.

Tampouco o titular do contrato, o Ministerio de Defensa, tomou ningún tipo de medida para obrigar á empresa a cumprir coas súas responsabilidades e só meses despois -e grazas á dura loita desenvolvida polas traballadoras-, a administración confirmaba que ía rescindir o contrato a Cleanet. Un anunciou que fixeron coincidir coa protesta que persoal procedente de distintos centros de Cleanet realizou en Madrid ás portas do Ministerio.

Porén, dende entón poucos avances se teñen producido na solución do conflito. Nada se sabe de xeito oficial sobre o proceso de rescisión e tampouco se pagaron as dúas nóminas adebedadas ás traballadoras do arsenal militar. De feito, explica Pablo Fragoso, da CIG-Servizos de Ferrol, “das 54 traballadoras, só se pagou o salario dun mes a tres delas aleatoriamente. Non sabemos nin cando van pagar ao resto do persoal nin que criterios se utilizaron para facer os pagos”.

Ante a esta indefensión, o persoal continúa coa súa loita.