As traballadoras de Cleanet Ferrol continuarán en folga por “dignidade” até o 8 de marzo

Ao día seguinte incorporaranse aos seus postos, tras 132 días de paro, e logo de coñecer que a empresa está en concurso
Baixo a premisa de que “a dignidade non se merca, senón que se demostra”, as máis de 50 traballadoras de Cleanet Empresarial en Ferrol acordaron continuar coa folga iniciada o pasado 27 de outubro, logo de coñeceren que a empresa vén de entrar en concurso de acredores. A folga estenderase até o vindeiro 8 de marzo, data especialmente simbólica para unha loita como a que este grupo de mulleres vén desenvolvendo dende hai meses.
10/2/15.

Un día despois, o 9 de marzo, as traballadoras volverán ao Arsenal Militar de Ferrol para realizar as tarefas do servizo de limpeza, que deixaron de atender para enfrontar unha durísima loita na defensa dos seus dereitos: cobrar por facer o seu traballo. Así o explicaron esta mañá en rolda de prensa as representantes do Comité, Olga Yáñez e Begoña Ramos, que compareceron acompañadas por Fernando Balsa, da CIG-Servizos de Ferrol, e Alejandro Bello, de CCOO.

Tamén será por esas datas –previsibelmente o 19 de marzo, xa que ese día remata o contrato con Cleanet- cando se resolva o concurso para a adxudicación do servizo de limpeza das instalacións militares a unha nova empresa, que terá que subrogar a todo o persoal.

Cómpre lembrar que as continuadas mobilizacións das traballadoras obrigaron ao Ministerio de Defensa a ter que rescindir finalmente o contrato con Cleanet e preparar un concurso urxente. Unha medida que, criticaron, a administración podería ter adoptado moito antes e evitar as situacións dramáticas e o sufrimento que están a padecer. Máis tendo en conta que a empresa incumpriu dende o primeiro momento os pregos de condicións e non só non atendeu as súas obrigas no pago dos salarios, senón que sempre mantivo unha actitude de desprezo e indiferenza cara o seu persoal.

“Pola nosa dignidade”

Na comparecencia, Fernando Balsa apuntou que a decisión de pór data de remate á folga (que para entón sumará 132 xornadas), adoptouse na asemblea celebrada este luns, e logo de saber que o xulgado aceptou o concurso de acredores solicitado por Cleanet, cunhas débedas estimadas en case 8 millóns de euros. Dada a declaración de concurso –pendente de publicarse no BOE- o persoal seguramente teñan que cobrar os salarios pendentes do FOGASA.

Neste senso, o sindicalista aclarou que Cleanet aínda debe dúas nóminas (setembro e outubro), polo que as traballadoras poderían incorporarse ao seu posto xa mesmo e, de non cobrar, reclamar as cantidades ao FOGASA, que cubriría todo este período (até un máximo de 120 días).

“Pero as traballadoras non están dispostas a darlle máis beneficios a unha empresa que non vai responder coas súas obrigas. Por iso, por dignidade e porque non están dispostas a renderse, acordaron continuar a folga até o 8 de marzo, con todo o simbolismo que implica”, asevera.

O sindicalista destacou a durísima loita desenvolvida neste tempo polas traballadoras, que ademais da folga estiveron realizando mobilizacións continuadas diante do Arsenal Militar, unha acampada no Cantón de Molíns, manifestacións, encontros con representantes políticos e outras accións. Mobilizacións que as levaron até a porta do Ministerio de Defensa en Madrid e mesmo até Bruxelas.

Unha loita da que non se arrepinten, aínda con todo o sufrimento e a dor que lles carrexou.