A CIG denuncia presións ás traballadoras/es de Cleanet en Pontevedra por parte de mandos militares

A central baralla mobilizarse e denunciar ante a Inspección de Traballo estas actitudes
A CIG-Servizos de Pontevedra anunciou hoxe que non tolerará máis presións de mandos militares ás traballadoras/es de Cleanet, empresa concesionaria da limpeza dos recintos de Defensa e que vén de presentar concurso de acredores, e baralla convocar mobilizacións e denunnciar estas actitudes na Inspección de Traballo. “Como agora xa non hai empresa os militares diríxense a elas directamente, algo que non imos permitir; se queren darlles ordes que rescaten o servizo, como propoñemos dende a CIG”, indican dende a federación.
11/2/15.

A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Pontevedra, Diana Rodríguez, e Marcos Cadórniga, da executiva nacional da federación, compareceron hoxe en rolda de prensa xunto a un grupo de traballadoras/es para denunciar que ademais de padecer situacións persoais “moi complicadas” a causa dun conflito laboral que se prolonga no tempo “agora as empregadas/os teñen que aguantar presións dos mandos militares para que fagan isto ou o outro”.

Neste senso, os/as responsábeis sindicais lembraron que tras a privatización do servizo, e unha vez que a empresa entrou en concurso de acredores, os militares optan por darlles ordes directas, “cando o que teñen que facer é falar coa empresa ou, en todo caso, rescatar o servizo, tal e como propoñemos dende a CIG”. Así, adiantan que no caso de continuar con estas actitudes convocarán mobilizacións diante dos recintos militares da provincia e denunciarán o caso na Inspección de Traballo.

Ao mesmo tempo, amosáronse moi críticos/as co Ministerio de Defensa, a cuxos responsábeis acusaron de “mentirnos e enganarnos porque cando fomos a Madrid non nos dixeron que a empresa solicitara o concurso, cando xa o sabían”. Sosteñen ademais que Defensa lles comunicou que ían garantir que a nova compañía que obtase ao servizo se fixese cargo das débedas salariais, “algo que agora xa non pode ser porque co concurso temos que comunicarlle a débeda ao administrador concursal, que será o que finalmente decida”.