Anulado o ERE de suspensión de contratos e de redución de xornadas da cafetería da CRTVG

A sentenza deixa en evidencia a Direción de Recursos Humanos do ente que se posicionou en favor da empresa no seu momento
O xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela vén de anular o ERE de suspensións de contratos e reducións de xornada que se viña aplicando na cafetería-restaurante da CRTVG desde o 1 de agosto de 2014. A sentenza conclúe que a empresa non comunicou correctamente á delegada de persoal a decisión final do ERE unha vez rematado o período de consultas sen acordou, xa que o debería ter feito no prazo de 15 días desde ese momento.
13/2/15.

A sentenza obriga á empresa a repor a todo o persoal na súa situación anterior o que suporá abonar todos os salarios que deixaron de percibir por estar coa xornada reducida ou co contrato suspendido.

A CIG-Servizos considera que esta sentenza dálle a razón e que “pon en cuestión a posición que no seu momento mantivo a Dirección de Recursos Humanos da CRTVG, que avalou a postura da concesionaria e mesmo publicou un comunicado interno na súa defensa, cando finalmente se evidencia que esta era completamente errada”, afirma Aitor Sebio.

Coesco Deza S.L. comezou a xestionar a cafetería da CRTVG en réxime de concesión o 1 de agosto de 2013. Nos pregos de condicións estaba prevista a subrogación de todo o cadro de persoal, composto por 13 persoas. Porén tres traballadores/as non pudieron sequera acceder ás instalacións da TVG desde o primeiro día en que a concesionaria comezou a operar ao impedírenllo os gardas de seguridade da compañía.

A CIG-Servizos responsabilizou no seu momento á propia dirección da CRTVG desta situación porque é quen dá as ordes ao persoal de seguridade, Denunciou ademais o incumprimento da normativa laboral, xa que foi así como estes traballadores souberon que estaban despedidos.

Xunto a isto denunciaron o incumprimento, por parte da concesionaria, do prego de condicións e a actuación “absolutamente irregular” da CRTVG por teren permitido que a empresa o incumprira.

Isto provocou innnumerábeis mobilizacións, unha campaña de boicot á cafetería por parte do persoal da CRTVG que tivo un grande seguimento e mesmo a convocatoria dunha folga que foi secundada pola totalidade do persoal.