A subcontrata do Club Financeiro despide tres traballadores/as por negárense a perder dereitos

A entidade asumiu a xestión directa dos servizos que tiña concesionados ignorando a obriga de subrogar a todo o persoal
REMOCSA (empresa subcontratada polo Club Financeiro Atlántico, que ten entre as súas socias e socios a parte do empresariado máis importante de Galiza) vén de despedir a 3 traballadores/as, un deles delegado de persoal, incumprindo a obriga de subrogación recollida no convenio colectivo e no Acordo Marco deste sector. Coincide tamén que estes tres empregados/as son os que maior antigüidade teñen e os únicos que iniciaron reclamacións xudiciais contra a empresa.
16/3/15.

Até hai uns meses, o Club Financeiro tiña concesionados os servizos de explotación da cafetería, restauración, ocio, e actividades deportivas a empresa REMOCSA, que contaba con 20 traballadores/as dedicados á prestación de diversos servizos nas instalacións da asociación empresarial.

Porén, no mes de setembro, REMOCSA solicita concurso voluntario de acredores –que foi autorizado a primeiros de outubro-, nunha manobra a través da que a CIG-Servizos da Coruña entende que a empresa pretendía desfacerse das débedas contraídas, cargando sobre o FOGASA os custes económicos das indemnizacións do persoal.

Nada máis coñecer a autorización do concurso, a central sindical remite un escrito ao xulgado do mercantil indicando que  tanto a empresa, como o Club Financeiro, como a entidade propietaria do club, están a cargo das mesmas persoas, polo que deben ser entendidos como un grupo empresarial e presentar as contas conxuntas. De feito, explican, REMOCSA só ten gastos e os ingresos recíbeos a través do Club Financeiro que lle entrega o 80% das cotas dos socios/as e a facturación íntegra dos servizos que presta.

Cambio de estratexia 

O administrador concursal, tras da comunicación da CIG, solicita que se presentan as contas do grupo de empresas para avaliar a situación global das mesmas. Unha documentación que os propietarios móstranse reticentes a entregar. Neste momento, o Club Financeiro cambia de estratexia e asume directamente a xestión dos servizos prestados até ese momento por REMOCSA, extinguindo a contrata a esta por “incumprimentos dos servizos prestados ao club”. Pero en vez subrogar ao conxunto do persoal, ignora todo o marco normativo de referencia para o sector, e opta por chamar un a un aos traballadores/as para convencelos de asinar un novo contrato.

Dos 20 traballadores/as, 17 asumen a premisa do Club Financeiro e asinan o novo contrato directamente coa asociación empresarial, o cal que significa perder os dereitos adquiridos. E aínda que existe unha cláusula de reserva de antigüidade, no caso de producirse un despedimento e o Club non ter solvencia, o FOGASA non se faría cargo de cubrir as débedas co persoal. “Á vista de como están a xestionar os titulares do club esta situación, tampouco sería de estrañar que se aplicaran este tipo de medidas”, engaden dende a CIG-Servizos.

Os outros tres traballadores (dous homes e unha muller) néganse a asinar este novo contrato, reclamando a subrogación á que por lei teñen dereito. Acto seguido, REMOCSA remítelles unha carta de despedimento alegando causas obxectivas xa que coa “perda” do contrato co Club Financeiro non pode darlles ocupación.

Despedimento do delegado de persoal

Unha escusa que a CIG-Servizos considera unha auténtica burla tanto porque REMOCSA forma parte dun grupo empresarial co Club como pola desvegoña da asociación empresarial á hora de saltarse á lexislación laboral, secuestrando os dereitos adquiridos polos seus traballadores/as ao facerlles o novo contrato. Dereitos que terían garantidos mediante a subrogación.

Curiosamente, as tres persoas que non asumen a chantaxe do Club, entre as que está o delegado de persoal (da CIG), son as únicas que teñen iniciado procesos xudiciais contra a empresa en demanda da reclamación dos incentivos retirados unilateralmente. E para máis abundar, esta manobra realizouse estando de vacacións estes tres traballadores/as, que son os que máis antigüidade teñen (máis de 20 anos prestando servizos no Club Financeiro) e os que plantan cara aos abusos da empresa. Desta maneira, os responsábeis do Club aproveitaron a ausencia do delegado de persoal no período vacacional “para levar a cabo toda esta argallada”.  

“Sobra dicir que todas estas accións foron feitas á marxe da administración concursal, que é quen ten que autorizar calquera decisión, e sen contar coa preceptiva negociación coa representación social”, denuncia a CIG-Servizos. Por enriba, a empresa pretende que sexa o Fondo de Garantía Salarial quen asuma os custes económicos dos despedimentos.

Esta situación xa foi denunciada diante da Inspección de Traballo e da Administración Concursal, quen, hai que destacar, ten solicitado a intervención da xestión da empresa. A central sindical incide en que o auto do mercantil non autorizou o cese da actividade laboral de REMOCSA, que fora pedida nun primeiro momento polo Administrador Concursal e rexeitada pola empresa.

Ao mudar a estratexia de actuación, os propietarios contraveñen o mandato xudicial e REMOCSA procede a cesar a súa actividade  empresarial “desacatando e burlándose da xustiza”. Isto ocorre sen coñecemento do Administrador Concursal nin seguindo o proceso de extinción de contratos estabelecido na Lei Concursal que debe seguirse diante do mercantil.

Concentración o próximo xoves

Para denunciar publicamente esta situación e esixir a readmisión inmediata do persoal despedido, a CIG ten convocada unha concentración diante das instalacións do Club Financeiro Atlántico (Avda. Salvador de Madariaga, 76), o xoves 19 de marzo, ás 14:00 horas.