Pull&Bear deixa sen efecto o despedimento da traballadora que se ausentou por estar enferma

A CIG-Servizos e a Sección Sindical advirten que seguirán a oporse a calquera “outra medida inxusta e inhumana como esta”
A CIG-Servizos de Ferrol e a Sección Sindical da CIG en Pull&Bear veñen de amosar a súa satisfacción pola decisión da empresa de deixar sen efecto o despedimento dunha traballadora á que lle foi rescindido o contrato por faltar de xeito xustificado do seu posto por cuestións médicas.
18/3/15.

A este respecto, consideran que a decidida resposta da Sección Sindical da CIG, que puxo en marcha distintas iniciativas (como a convocatoria dunha concentración a desenvolver nos vindeiros días ou a recollida de sinaturas opóndose a este despedimento), sumado á boa acollida destas medidas entre o persoal, fixeron que a empresa recuase na súa intención e deixase sen efecto o despedimento na mañá deste mesmo mércores.

A empresa, apunta Francisco Cartelle, da CIG-Servizos, apresurouse a aplicar as facilidades introducidas pola contrarreforma laboral do PP, en concreto a do artigo 52 do Estatutos dos/as Traballadores/as sobre os despedimentos obxectivos, que permite despedir a aquelas persoas que se ausenten do seu posto, neste caso por enfermidade, aínda que as faltas estean xustificadas. “Esta é a humanidade do mundo de Amancio Ortega”, denuncia.

A isto hai que engadir que a “inxustiza do despedimento foi claramente percibida polo conxunto do persoal, que se sentiu indignado pola actitude da empresa, e amosouse partidario de mobilizarse contra a decisión patronal”.

Desde a Federación de Servizos da CIG e da Sección Sindical da mesma en Pull&Bear advirten que seguirán a aporse con firmeza cando se produza calquera outra situación tan inxusta e inhumana como esta.