A CIG obtén dúas delegadas en Cleanet Empresarial Ferrol e convértese na central máis votada

Cómpre destacar que, até o de agora, a organización nacionalista non tiña representación neste centro de traballo
A CIG vén de converterse na primeira forza en votos na empresa Cleanet Empresarial (encargada dos servizos de limpeza das instalacións militares de Ferrol) logo das eleccións sindicais celebradas este mesmo martes. Cómpre destacar que, até o de agora, a organización nacionalista non tiña representación neste centro de traballo.
24/3/15.

Deste xeito, a CIG iguala en número de delegadas a CCOO, sendo o resultado final dúas delegadas CIG, dúas Comisións Obreiras e unha representante por UGT.

A este respecto, dende a CIG-Servizos Ferrol destacan que até hoxe a central nacionalista non tiña representación na empresa, e é a única forza que sube en votos e representación.

Dende a CIG-Servizos amosan o “noso agradecemento a todas a compañeiras que confiaron e confían en nós”, e engaden que “a loita destas traballadoras é un exemplo para toda a clase obreira”.

As traballadoras de Cleanet en Ferrol estiveron en folga durante catro meses para reclamar o cobro dos seus salarios, tempo no que desenvolveron todo tipo de mobilizacións a prol do seus dereitos.

A súa loita foi recoñecida pola CIG co Premio 8 de Marzo.