Concentración na cafetería En Panes contra os atrasos nos salarios e a persecución a traballadoras

A empresa vén de pagar parte da mensualidade de febreiro a todo o persoal, agás á delegada e afiliadas á CIG
A CIG-Servizos realizou unha concentración este mércores diante da cafetería En Panes (Ferrol) para denunciar os reiterados atrasos no cobro dos salarios e a persecución a determinadas traballadoras, nomeadamente á delegada e ás afiliadas á central nacionalista.
25/3/15.

Os problemas do atraso no cobro dos salarios véñense arrastrando dende o ano 2012, cando se fixo unha primeira denuncia desta situación, explica a Secretaria Comarcal da CIG-Servizos, Cristina Martínez Padín. Case coincidente no tempo,  celebráronse as eleccións sindicais en En Panes, saíndo elixida a candidata da CIG.

Poucos meses despois, a empresa iniciou unha manobra para revogar a delegada, que non puido concluír por defectos formais no proceso. Aínda así, volveu tentar a revogación e estase pendente agora de que saía o xuízo, matiza Padín.

Entrementres, por parte da delegada presentáronse diversas denuncias contra a empresa polos atrasos e outros problemas laborais, chegando ao punto de que o xuíz apuntou a un claro caso de acoso, "pois non é normal que teña que acudir de seguido á xustiza para resolver calquera problema coa empresa".

A este respecto, engade a responsábel comarcal da CIG-Servizos, a situación laboral da maioría das traballadoras e os traballadores (entre 9 e 10) é totalmente precaria, estando a media xornada e con contratos de aprendizaxe.

En canto aos atrasos salariais, En Panes aínda acaba de abonar a nómina do mes de xaneiro a todo o persoal, e 15 días do salario de febreiro a unha parte das traballadoras/es, "curiosamente ás que non están relacionadas coa CIG". Unha actuación, apunta Padín, que  xa foi denuncia.